Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 24 de maio de 2019

Sopa de letras reparadora

por Marta Dacosta, no Sermos Galiza:

Creo que a primeira lembranza que teño do Día das letras é un faiado en que tres mozas estamos tiradas no chan, traballando sobre un papel marrón xigante. Un deseño no centro e un poema ao redor era a nosa proposta para participar no certame de carteis convocado polo instituto. Tivemos que colocalo entre dous andares, no relanzo que levaba ao corredor en que estaba a nosa aula, a mesma en que debatiamos sobre a idoneidade de incorporar o galego como lingua vehicular e fiquei soa defendendo o noso idioma. Era unha aula do que hoxe sería 1º de bacharelato, rapazada de dezaseis anos, un instituto das Travesas, en Vigo. Ano 1983.
O noso cartel foi premiado. As soidade transformouse en anécdota e o amor pola lingua, que aínda non falabamos, era xa un ideal de vida.
Nos Colexios Universitarios e nas Facultades o alumnado debatía tamén sobre o galego como lingua vehicular. Ás veces a deriva do debate era tan sorprendente como atopar unha vacina antiprexuízos. Ou polo menos iso debería ter concluído o alumnado de bioloxía que escoitou a un seu compañeiro das Illas Canarias dicir que para el era natural que as clases fosen en galego. El si votou a favor de galeguizar as súas materias. Outra peza para a colección de paradoxos, como que non fose até que chegou a lectora de francés ao instituto que fixemos teatro na nosa lingua e memorizamos Os vellos… de Castelao.
Sei ben que aquel tempo non é este tempo.
Para nós a lingua era unha ferramenta necesaria. Era a “koiné” que empregabamos nas asembleas, panfletos, fanzines, recitais... Mentres escoitabamos "Miña Terra galega" ou "Fai un sol de carallo".
Hoxe está todo máis estibado. Ningunha alumna miña abandonará a aula para sumarse a unha mobilización como eu fixen. Mais seguen, seguimos, a debater sobre o uso da nosa lingua nas aulas. Porque trinta anos despois hai un punto de inflexión que nos fai retroceder até aquel momento. A lingua está enclaustrada no límite do 33% e prohibida no ámbito científico por decreto. Non só o dicimos nós. Tamén a RAG. O 21 de febreiro de 2018, Día da lingua materna, escribía: “…co último decreto …, asistimos a unha reversión dos avances conseguidos.”
No estudo ao que acompañaban estas palabras lemos que “Desde a aprobación do Estatuto de Autonomía (1981) e despois da Lei de Normalización Lingüística (1983) … (establécese un) modelo de política lingüística de “baixa intensidade” (que ) …, semella insuficiente para reverter, ou ao menos frear, procesos de substitución,... (RAG, Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992 – 2016, 2018). Acusarán aos académicos de negativistas, como nos acusou o Secretario Xeral de Política Lingüística aos que con el compartimos debate nas Xornadas de Lingua por falar da realidade que vivimos cada día? Os datos están enriba da mesa e reclaman a nosa atención. Sinálannos unha tendencia preocupante para a lingua.
Mais hoxe lembro a Fraguas e digo que este horizonte non está pechado. Aínda é tempo de tornar a auga ao muíño (e entendan que tamén me refiro a estas eleccións en que ao votar, tamén o facemos con e pola lingua).
O 8 de maio de 1956, Antonio Fraguas entraba na RAG para ocupar a cadeira do seu mestre Castelao. No seu discurso, fermoso e sinxelo, falaba dos seráns e dicía: “Agora xa é historia todo canto se diga do serán de Loureiro, pero historia de xeracións desaparecidas; poucos lembran a pandeireta e o candil, o fachico e o farol, a parranda e as coplas que deprendían as rapazas sentadas no escanil da cociña para facer as festas do inverno.” Naqueles anos escuros non puido ser, mais hoxe os seráns recuperaron unha certa vitalidade. Grupos organizados ou non tocan as vellas melodías e outras novas. E a xente baila. As rodas vanse alargando con mozas e mozos que danzan e se converten nun imán para os nosos ollos. Un imán que nos fai entrar na roda tamén e volver facer tacón, punta, tacón ou aprender puntos novos .
Así a nosa lingua pode volver ser a canción que predomine nas rúas e nas casas, porque a mocidade ten mellor actitude cara á lingua e menos prexuízos (aínda que seguen a valorar negativamente o acento galego. Así o recolle o estudo encargado pola Deputación de Pontevedra á RAG, realizado en 2017 e centrado na mocidade de entre 14 e 18 anos). Só necesita que nós lles falemos en galego, que sexamos o seu exemplo, que lle deamos as oportunidades e os espazos para viviren a lingua.
Nesta data instituída en 1963 para honrar a mensaxe de Cantares gallegos, volver e reler os versos de Rosalía de Castro é xustamente unha oportunidade para iso. Como o é gozar da data. Porque o Día das Letras galegas é noso e nós, o pobo, mantemos e facemos esta festa, esta homenaxe, esta memoria. Gozámola coma unha reparadora sopa de letras que, desta volta, nos trae a palabras repousadas e sabias que naceron na aldea, a humildade coa que Fraguas se presentou ante a Academia: “Quizais fora mellor deixar vacante o seu posto (a cadeira de Castelao) deica que outro artista coma el ou Rosalía, as dúas representacións de Galicia máis sinceras e acabadas, viñera ocupar esta cadeira.”
Ou sentenzas que son toda unha guía de vida e que tantas e tantos subscribimos: “Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nunca nada a cambio.”Por amor a Galiza.
Nós, para quen o Día das letras galegas é cada un dos sete días da semana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario