Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 3 de xuño de 2020

Sobre políticas lingüísticas

por Nicolasa Castro en Nós Diario:

Para unha acertada orientación no camiño á normalidade do noso idioma, convén seguirmos os avances e retrocesos que se producen noutras linguas minorizadas e estarmos atentas ás prácticas que en materia de política lingüística poden contribuír ao aumento de falantes. Por proximidade e polo acerto nas políticas lingüísticas aplicadas, os procesos de normalización do catalán e euskara son dignos de interese.
Permitídeme entón que vos fale do proxecto Euskaraldia. Trátase dunha actividade de promoción de uso do euskara cuxa primeira edición se desenvolveu entre o 23 de novembro e 4 de decembro de 2018. Defínese como un exercicio social para modificar os hábitos lingüísticos. En concreto, perséguese evitar o abandono do idioma con interlocutores que falan español mais teñen capacidade para comprenderen o euskara e, ao mesmo tempo, favorecer coa práctica lingüística a conversión de coñecedoras pasivas en activas. A inscrición das participantes exixe asumir o rol de falante ou o de oínte capaz de comprender. Na primeira edición inscribíronse máis de 225.000 persoas en máis de 400 localidades de toda Euskal Herria. Para a organización e difusión deste evento, implícanse desde o goberno vasco até os concellos, asociacións e entidades de todo tipo, con especial relevancia de Euskaltzaleen Topagunea, federación das asociacións da lingua. A organización a través de comités populares por vilas e bairros, posibilita un traballo previo de formación de voluntarias en talleres, mesas informativas na rúa, difusión nas redes sociais e medios de comunicación, actos de presentación de todo tipo, simulacros... A preparación esténdese durante todo o ano. Os resultados foron moi positivos e xa están preparando a segunda edición para outono deste ano. Nesta ocasión preténdese dar o salto de sumar á participación individual a de entidades de todo tipo: centros de traballo, Administración pública, asociacións culturais e deportivas etc.
A experiencia é reveladora dos avances que se poden conseguir cando os gobernos teñen interese en aplicar políticas en favor das linguas e tamén é modelo da necesaria cooperación co traballo de base que desenvolve o activismo lingüístico a través das diferentes asociacións. As institucións achegan os medios materiais, persoal especializado etc., mais a garantía de que Euskaraldia sexa un éxito débese á implicación das asociacións e persoas que se activan para levar adiante a iniciativa.
É obvio que a política que a Xunta aplica ao galego é lingüicida. Nesta liña aponta a opción de Feixoo de falar en castelán nas roldas de prensa, a difusión de programas televisivos en castrapo, a prohibición no ensino de impartir determinadas materias en galego etc. Que pode xustificar as dificultades para aprender galego de forma presencial, fóra do ensino regrado? Pois en todo o país só se imparte formación presencial para preparación dos Celga nas sete principais cidades, a oferta prevista para este ano inclúe un total de once cursos e non abrangue todos os niveis. Como vemos, para aprender galego en Galiza hai que optar por cursos en liña. Outro caso paradigmático: o departamento de Política Lingüística retomou aínda en 2016 parte do Plan xeral aprobado en 2004 e impulsou o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020. Pois ben, de momento, nada sabemos dos resultados mais, desde a nosa experiencia, cústanos percibir os logros.
A despreocupación pola lingua tamén campa na maioría dos concellos. Por exemplo, se tomamos como indicativo o número dos que contan con servizo de normalización lingüística, estes apenas sumaban 52 en 2019, 39 deles na provincia da Coruña, 9 en Pontevedra, 2 en Ourense e 2 en Lugo.
A pesar de todo, a reivindicación da normalidade para o noso idioma conta coa simpatía da maioría da sociedade e o nacemento deste xornal é proba de sermos quen de cumprir o mandado de Carvalho Calero: “porque a historia debe ser rectificada, cómpre rectificarmos a historia”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario