Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 12 de febreiro de 2021

A eterna invisibilidade do galego, agora en 'streaming'


por Silvia Caeiro, en Praza Pública:

A estrea de ‘3 Caminos’ en Amazon Prime Video o pasado 22 de xaneiro abriu un melón que leva tempo madurando. Que dita serie recibira un financiamento de 1,5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e que non se ofreza o galego como opción de visualización nin sequera entre os subtítulos foi motivo de gran crítica. 
Aínda que a empresa compostelá Ficción Producciones, impulsora do proxecto, declarase a través da súa conta de Twitter que isto se debe a que “a TVG ten os dereitos sobre o territorio e o idioma”, a cuestión reflota a indignación pola escasa presenza do galego nas principais plataformas. 
Que a serie recibira un financiamento de 1,5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e que non se ofreza o galego como opción de visualización nin sequera entre os subtítulos foi motivo de gran crítica. 
O certo é que os contidos en lingua galega nestas plataformas de ‘streaming’ resultan insignificantes, evitando ser tallante sinalándoos de practicamente inexistentes. Moitos poderían considerar que a difusión destes produtos poderían carecer de alcance, xa que é ben sabida a excesiva complicación que implica a comprensión dunha peza en versión orixinal coa axuda de subtítulos, claro. Sen embargo, se podería considerar que este argumento quedou baixo terra tras o éxito en Netflix con ‘O sabor das margaridas’. A plataforma incluía a comezos do 2019 a primeira temporada da serie, a cal fora rexeitada nun primeiro momento polas televisións e produtoras estatais por estar rodada en galego. Acabou sendo un éxito sen precedentes incluso a nivel internacional, para orgullo dos defensores de galego e para pesar daqueles que a prexulgaron polo idioma.
Esta escasa inclusión é unha demostración, como en tantos outros ámbitos, do desprezo e dos prexuízos que aínda sobrevoan a nosa lingua. A pesares da repercusión deste thriller en galego, a pesares dos numerosos éxitos que os audiovisuais galegos foron logrando cos anos, resulta evidente que as linguas cooficiais seguen supoñendo un obstáculo para aqueles que apostan polo seu uso. 
Por outro lado, a oferta de Netflix en catalán e euskera é lixeiramente superior á oferta de produtos en galego, polo que sen dúbida pódese cualificar de insuficiente para chegar ao punto de normalizar o uso destas linguas nas plataformas que xa supoñen un recurso diario de entretemento para gran parte da poboación.
En definitiva, a constante loita do galego por facerse un oco no mundo audiovisual libra actualmente unha nova batalla que ten como terreo de combate as plataformas de ‘streaming’, das cales é xusto esperar unha maior aposta pola nosa cultura.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario