por Clara Rial Otero en Nós Diario:
No medio desta pandemia, que cada día nos some nunha espiral que semella non rematar nunca, faise necesario o tratamento doutras temáticas que nos afectan directamente, sobre todo dende a nosa condición como galegos e galegas. O pasado venres emitíase no programa La Sexta columna unha reportaxe sobre as distintas linguas que conviven en España e a súa situación actual. Unha iniciativa que sería axeitada se representase a realidade plena que vive o noso idioma na Galiza e non se deixase levar polo sensacionalismo.É imposible negar que os datos que se mostran son demoledores, pero resulta esaxerado o xeito no que se presenta a lingua, practicamente como un dialecto alleo á maioría da poboación, que unicamente se fala nas aldeas e que queda marxinado ao uso por parte de persoas maiores. Que o idioma envelleceu e se ruralizou din...Nin unha nin outra. O galego estivo e está sempre ao servizo dos galegos e galegas, de todo aquel que queira empregalo tanto na cidade como na aldea, de máis ou menos idade, sen relegalo a unha categoría. Pecan de mesurados e de desmesurados ao mesmo tempo, deixando de lado a principal problemática: o proceso de substitución lingüística que se está a producir, froito dos prexuízos que aínda perduran na sociedade e da inexistencia dun conxunto de medidas que apoien a lingua.Da vixente Lei de normalización lingüística, aprobada hai xa 38 anos, apenas se conseguiu atallar o obxectivo para o que foi creada. Máis ben perdurou como desiderativa, sen existir un desenvolvemento lexislativo posterior que garantise os dereitos lingüísticos. "A Xunta ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego", recolle o artigo 6.4. O certo é que os esforzos son mínimos e o incumprimento das ordes en todos os eidos (ensino, medios de comunicación, administración etc.) provocou que a lingua fose esmorecendo pouco a pouco durante estes anos.O 23,90% da cidadanía galega de entre 5 e 14 anos descoñecen o noso idioma, consecuencia estreita dun Decreto para o plurilingüismo que marxina a súa utilización na ensinanza. Non hai nova ningunha sobre políticas que poidan axudar a reverter a situación, quizais porque o presidente da Xunta está máis preocupado pola eliminación do castelán como lingua vehicular que da propia posición do galego. "Nos imponen el gallego", din algúnsDe non ser pola mobilización social, a crise que vive a lingua tería avanzado máis significativamente, pode que ata chegar ao abandono do que se fala na reportaxe, pero que polo momento non corresponde coa realidade. Aínda non. Aínda seguimos aquí e seguiremos esixindo as condicións necesarias para procurar darlle a volta a esas cifras, para que o idioma estea máis presente en tódolos ámbitos da sociedade e para que goce do recoñecemento que merece. Por que non é só unha lingua que usen os maiores ou a xente das aldeas. Nós tamén falamos galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario