Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 1 de xuño de 2021

Linguas boas e linguas malas


 por Xurxo Borrazás en Nós Diario:

Cando o Partido Popular (PP) impulsor do decreto lingüístico que na escola impide dar aulas de matemáticas en galego ou nas oposicións elimina o requisito do seu coñecemento celebra “a lingua que nos une” e promete medidas de fomento do seu uso, lembro unha entrevista na radio a un veterano humorista e debuxante de cómic andaluz, o grande Andrés Vázquez de Sola, na que lle escoitei a xenialidade de que “os curas malos había que aforcalos coas tripas dos curas bos”.

 

O humorista, nonaxenario, de familia ultracatólica e exiliado no franquismo, é agora un avó pacífico e a imaxe era unha analoxía, obviamente, pero iso é o que eu chamo cantar a miña canción. Viña expresar graficamente algo que todas e todos comprobamos a diario na experiencia propia, que o rostro amábel e as boas formas non aseguran moito máis do que a información e as imaxes dun perfil nas redes sociais aseguran sobre o usuario que as crea. O inimigo de sorriso cómplice, palmexada no ombro ou subvención xenerosa pode ser máis nefasto que o inimigo declarado.

 

Igual que os caciques que ofrecen protección e favores, igual que os reis campecháns e austeros, os que conducen o seu propio coche, bican e baban nenos alleos ou chocan a man dos súbditos, poden resultar máis ruíns e perversos que os que se revisten de pompa, luxo e despotismo. Igual que a caridade en forma de esmola ou de solidariedade das ONG humanitarias é a longo prazo tan daniña coma o sistema inxusto que asegura querer corrixir, porque en realidade colabora con el, faille o traballo sucio e, coa mellor intención e unha inxenuidade a proba de bombas, contribúe a perpetualo. Igual que as guerras humanitarias son tan detestábeis como as guerras abertas ou as guerras económicas tan mortíferas coma os bombardeos. Igual que frases do estilo “a policía é a túa amiga” ou “ninguén ama máis a natureza ou os animais que os cazadores” producen calafríos. Igual que aos profes “enrollados” cos alumnos e alumnas convén non quitarlles ollo, polo que poida pasar. Igual que algunhas transicións políticas “modélicas”, sempre dunha ditadura a unha democracia, non conseguen en ocasións máis que lavarlle a cara á ditadura, ou perpetuala nos feitos a base de tunearlle a letra.

 

Cómpre tomar exemplo das transicións opostas, as da democracia á ditadura, esas van de cara, súpetas e pola brava, a vida ou morte, con elas un sabe a que aterse. Dun día para outro non queda nin rastro de democracia e a tomar polo cu. Os seus artífices non distinguen entre demócratas bos e malos, todos ao caldeiro. Velaí Ramón Villares cando afirma que a xente nova desbota o uso da lingua propia polo uso político que se fai dela, non referíndose ao PP que a arromba e a ritualiza, intúo, senón para xostregar o galeguismo militante. O que foi presidente do Consello da Cultura asegura que de non ser polo nacionalismo, a Mesa pola Normalización, Queremos galego, as Irmandades da Fala, A Asemblea de Lugo, os mestres e mestras manipuladores, os pais e nais ideoloxizados e comunistas en xeral, a lingua galega viviría arestora unha idade de ouro. Dedúcese que a súa recomendación para reverter o estado de cousas é aquel consello atribuído ao xeneralísimo señoro de Meirás e alias “Paca la Culona”: Faga vostede coma min, non se meta en política.

 

Inimigos así de francos son de agradecer e con eles un aprende a precaverse e desconfiar. Pola contra coas hostes da ala boísta da crueldade, os que falan de rexurdimento cando hai menos falantes que nunca na nosa Historia, ou da “lingua que nos une, unha ponte e non un valado”, rodeados de gaitas e intelectuais tonsurados, un déixase engaiolar coma os ratos hipnotizados polo baile da donicela. Son peores que lobos con pel de año, son coma os maltratadores bébedos que mallan nas súas vítimas e cando lles pasa a curda, entre choros e mocos verdes, bótanlle a culpa ao alcohol.

 

Non sei como andan de tripas na Xunta do PP, supoño que máis ou menos coma todo o mundo. De entrañas andan escasos pero de estómago ben. De corazón fatal pero de cabeza sen fallo. Debería presentarlles a Vázquez de Sola para que lles explicase o que quería dicir con aquela frase.

Ningún comentario:

Publicar un comentario