Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 29 de maio de 2021

Negacionismo idiomático

 por Alfonso Eiré en El Correo Gallego:

DIGÁMOLO alto é claro: en Galiza existe o negacionismo idiomático. Sempre existiu, pero non comeza a ter expresión política até que Núñez Feixóo consegue a presidencia do PPdeG, asume os postulados da FAES e pasa a usalo para desgastar electoralmente ao nacionalismo. 
Os discursos do presidente e dos conselleiros, como as declaracións de Ramón Villares ou o artigo de Barreiro Rivas, así como outras afirmacións dalgúns membros da RAE, tamén hai que consideralas como manifestacións dun movemento político anti-BNG que vai ir a máis.

Culpabilizar ás vítimas, neste caso os que demandamos a normalización plena do galego, é sempre a arma dos agresores.

Así, adoptar medidas ou reclamalas a prol do galego é tentar “impoñer un idioma”. Pedir a normalización no ensino é “adoutrinamento nacionalista”. Porque, afirman, “o galego non se pode impor por decreto” (o español si, polo que se ve), pois os que pretenden dar leccións de “equilibrio e ponderación” sosteñen que eles están a prol do “idioma de todos, fronte ao idioma de algúns”. 
E aínda chegan a acusarnos aos que defendemos o galego, de ser os causantes do descenso do seu uso, que proclaman todos os estudos, incluído o da RAG, porque o “patrimonializamos”. 
Non hai ningún traballo, pola contra, no que se afirme que non se fala galego “porque é de nacionalistas”. Tampouco poden citar nin un só relatorio ou resolución nacionalista no que se defenda patrimonializar o idioma. Moi a contrario, sempre teimaron en demandar a Normalización.
Son eles, comezando polo presidente Feixóo e rematando polo expresidente do Consello da Cultura e académico Ramón Villares, os que teiman en equiparar galego con nacionalismo, usándoo como arma política. Non todo o mundo está a prol da nosa lingua, por máis que digan. Non é casualidade que impuxesen o castelán, que segue a ser aínda hoxe unha arma de dominación. Os romanos, cando conquistaron Grecia, escribían o nome das rúas en latín, pero a súa elite falaba grego.O negacionismo é a evidencia de que existe conflito lingüístico

Ningún comentario:

Publicar un comentario