Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 26 de maio de 2021

As meniñas da diáspora tamén falan galego

 


por Sonia Villapor en Praza Pública

As meniñas e meniños galegofalantes que non foron criados en Galicia tamén festexan o día das letras galegas. O galego é a lingua que se desfruta non só no territorio que limita as 4 provincias, tamén fóra destes límites. A comunidade galega no exterior leva a terra, a patria, e a fala nas maletas cando emigra. As raíces da árbore da lingua esténdense máis alá da copa que se divisa dende arriba, pero esta perspectiva normalmente non se alcanza a ver dende Galicia. 
As meniñas que falan galego fóra de Galicia pasan desapercibidas, non chaman a atención nin ós que falan castelán, nin galego. Son invisibles, ninguén quere escoitar da súa xenuidade porque diferéncianse, e iso causa estrañeza e incomprensión, polo tanto, perturba e negase esa posibilidade. Falan galego, len libros en galego, saben da música e das tradicións, xogan, brincan, berran e cantan Chea de Vida a viva voz, e todo só por visitar Galicia en contadas ocasións. Non agardan aplausos polo ser esforzo por mostrarse galegas, pero aínda así, chámanlles as meniñas de fóra. 
Estas meniñas que cada vez que cruzan o Atlántico, ou calquera dos mares que separan as súas casas das dos seus avós ou familiares, regresan coas maletas cheas de libros en galego. As meniñas que falan galego sen contar para nota, as que medraron no biculturalismo e aprenderon a recoñecer que pertencen a varias terras merecen a máis sentida estima e valía. Nacen co galego no berce, convivindo con outra ou varias linguas. Cando comezan a falar, fano cun galeginglish moi divertido que lles fai compoñer fermosas verbas, e que por desgraza váiselles bifurcando a medida que se fan maiores. Mágoa que a non todo o mundo lle cae simpática a súa fala, porque ollo, que cando falan galego o acento é raro, que en lugar de espertar tenrura, hai que corrixilas, non vaia a ser. Non pode ser que as meniñas que naceron fóra e que visitan as terras galegas só de vacacións, falen mellor ca miña, a mofa agacha a envexa.
A pesares das trabas, as meniñas da diáspora seguirán a falar galego co seu acento, xa que é a sinal da súa identidade multicultural. E incriblemente o poderío do acento galego substitúe a calquera outro en cuestión duns días por terras galaicas, tan semellante ós das nacidas en Galicia, todo ten remedio. Que sorprendente descubrimento que a lingua atravese fronteiras, e se desfrute e aprecie alá onde a política lingüística nunca chegou nin chegará, polo tanto non existe nin queixa nin alarde. Que atrevida é a inxenuidade ou a ignorancia, pensando que fóra de Galicia non se fala galego, abofé que o é. Pero que obriga e necesidade terán as meniñas nacidas en Barcelona, Texas, París, Washington ou Bos Aires en falar galego?

 Pois existe unha sinxela explicación, a xente responde ás razóns, non ás regras. Falar galego ten razóns de fortaleza, vínculo familiar, sentimento e identidade. Porque o escoitan falar na casa, porque é de seu, por costume, ou porque hai cousas que teñen o nome en galego, e en ningunha outra lingua. Logo chega a incredulidade e desconcerto da xente que non o entende, pero como pode ser? Se a culpa de que a miña filla non fale galego é da gardería, ou da escola, ou dos mestres que lles imparten as materias en castelán, claro que si, como vai ser nosa. Sempre quedará unha teima, non vaia ser o demo que na diáspora falen galego cando nin lles fai falla, e os nosos non o falan por culpa da política artellada. Pois as que non naceron aquí falarano mal, ou con acento. 

Canto mérito teñen as meniñas da diáspora. Sen entender como falar varias linguas as fai especiais, a vida lles di que ser diferentes está ben. O bilingüismo, ou o que pode ser mellor, o trilingüísimo, non é doado de levar. En idades novas é considerado un problema, ou un retraso na fala polo que hai que lidar coas mestras para explicarlles esta etapa do desenvolvemento lingüístico adaptarase cunha enorme neuroplasticidade e habilidades cognitivas no transcurso da súa vida, pero poucas o entenden e comezan a dar recomendacións que mellor nin escoitar, e menos facer caso.

A neurociencia dinos que transmitir coñecemento na lingua nai, beneficia a asimilación e comprensión de calquera concepto novo, facéndose máis rápido que noutra lingua, pero tamén nos di que a información que é emocional pode ser mellor consolidada, que a información que non é emocional. Que dicirlle ás meniñas, -quérote-, non só lles transmites este sentimento maternal, senón que lles consolidas tamén o amor á lingua. Neste caso o galego é a mellor das ferramentas para a aprendizaxe máis efectiva.

 Que unha lingua sega viva non depende do número de falantes, senón da fortaleza que mostre. Pero pensando noutras fronteiras, o galego tamén en oportunidades. Que tanto se menospreza os procesos migratorios do pasado e do presente, e que esquecida está a comunicade galega no exterior que conservamos o galego coma marca de identidade. E aquí comeza as eleccións lingüísticas que se presentan na vida. Que pequeniño se queda escoitarlle a alguén; -falo galego porque vivo en Galicia.

 Sexa polo exilio ou pola emigración, a de antes ou o de agora, a Galicia exterior é o fogar das novas crianzas que beberon de dous países ó mesmo tempo. Os centros galegos e colectividades galegas da emigración, anque non se sabe nin que existen, axudaron a manter a cultura e o idioma con fortaleza. Dende a música e o baile tradicional, ata a cultura en toda a súa dimensión fixeron que o galego florecera espallado polo mundo. Cantos bailes tradicionais se ensinan nos centros galegos, e cantos sons de gaitas e pandeiretas se escoitan por todos os recunchos do planeta, dende Nova Jersey ata Montevideo. Radio, música, gastronomía, festas, revistas e xornais culturais, ou ata movementos cívicos-sociais.

 As meniñas nacidas da diáspora son o alento e o fermento das voces espalladas máis alá do territorio galego, pero reflicten igual ou maior paixón pola súa identidade que o fan os de dentro. Son as transmisoras sen complexos da lingua de seu. Son elas as que estenden pontes entre Galicia e a comunidade galega no exterior, as abandeiradas, e quen mellor saben espallar a galeguidade entre culturas.

Cando nunca tantas linguas estandarizadas, nin tantos programas de accións de políticas lingüística en recuperación estiveron en marcha, que pouco interese hai pola existencia e difusión da cultura galega, incluída a lingua, fóra do territorio galego. Pero tampouco as reivindicacións da galeguidade do exterior son defendidas por aqueles que levantan bandeiras no Obradoiro o día das letras.

E velaquí están, tan lonxe e tan preto, pero tan esquecidas. A proxección exterior do galego non existe, pero aínda así, perdura e mantén unha capacidade de resiliencia sorprendente, como pode ser isto posible? O traballo de dinamización cultural da comunidade galega no exterior é grandiosa, pero invisible no territorio galego. Custa moito entender como se ignora a Galicia exterior cando o galeguismo cultural rexurde case sempre desde fóra. Dende o movemento Nunca Máis que xurdiu con máis forza no nicho do Ateneo Popular Nou Barris, xunto coa explosión reivindicativa que se coceu e artellou pola comunidade galega en Barcelona, ata só pensar que o galeguismo e as grandes obras da literatura galega do século XX xermolou dende a emigración. Todos os proxectos da sociedade civil galega no exterior fixeron moito pola cultura e pola lingua e sen notaría, mágoa que se menosprece a súa existencia.

Os galegos e galegas na emigración deberíamos tamén ter o dereito de dispoñer de servizos culturais lingüísticos na lingua galega tal e como recolle o Estatuto da Autonomía. Nin dereito a ter unha contrasinal que dea acceso ós cursos en galego na rede, ou a actividades culturais na lingua galega. E xa non digamos posibilidades practicamente inexistentes no eido educativo.

De novo existen moitas razóns para que o galego da diáspora sexa unha ferramenta para establecer fortes pontes culturais, porque é un idioma consolidado na necesidade de expresar sentimento de identidade. Ó non darlle visibilidade, ó ser indiferente a esta realidade, dificultáselle á comunidade galega do exterior a posibilidade de manter o vínculo coa cultura das súas orixes e de reforzar os trazos de identidade, sobre todo ás xeracións que naceron fóra, xa non só ás emigradas.

A pesares de todo isto, a lingua da diáspora segue a latexar, e todo é grazas a elas, e a eles. A Xela séguelle o futuro, e chámanse Jane, Paula, Sabela, Antía, Shayla, Hanna ou Rosalía, todas as meniñas que falan galego aínda que naceron fóra de Galicia, ás biculturais, tamén para vós, feliz día das letras galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario