Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 1 de maio de 2021

Unha cuestión vital (I)


 por Francisco Rodríguez, en Nós Diario:

Queremos galego vén de convocar unha mobilización popular para o 17 de maio na Praza do Obradoiro co lema Queremos vivir en galego. Expresa así a vontade dun significativo sector da sociedade galega que, malia todos os limites, coaccións e exclusións que o uso da nosa lingua soporta, é dicir, os seus falantes, con conciencia da situación opresiva ou sen ela, non está disposto a renderse, a renunciar aos seus dereitos individuais e colectivos, como pobo. Un deles, vital, é gozar a nosa lingua dun status de normalidade no propio país, deixarmos de vivir como estranxeiros na nosa patria. En efecto, pretendemos vivir en galego, sen os poderes institucionais ou económicos, ignoraren e esmagaren, como fachendosos poderes coloniais, os nosos dereitos lingüísticos, insensíbeis, de costas nada menos que á lingua que nos define e identifica como galegos e galegas. Símbolo da nosa realidade enteira como pobo, é síntoma tamén da consideración que nos temos a nós propios e a que lle merecemos aos demais.

 

Abonda xa de, non só desde fóra, senón desde dentro, se empregaren instrumentos, na teoría ao noso servizo, como armas de destrución e ataque contra o noso idioma, nun afán agresivo que non fixo máis que se intensificar nos últimos doce anos até o delirio cínico. Así, por exemplo, o que está a acontecer no sistema educativo galego é a aplicación dunha política de desprezo, ignorancia e acoso contra o aprendizaxe e uso por docentes e alumnado do galego, correlato dunha ausencia clamorosa de contidos relativos a Galiza. Entre o uso burocrático, e o ritualismo de ocasión, e a oralidade e escrita nas aulas e nas actividades, regradas ou non, hai unha distancia abismal. Só unha mente anestesiada ou abúlica pode aceitar esta dicotomía como normal. Hoxe o sistema educativo serve de presión, intimidación e incitación para, os cada vez menos, nenos e nenas galegofalantes renunciaren ao seu idioma. No canto de combatela, axuda a consolidar e reforzar a mentalidade social conformada e adaptada á subordinación, ignorancia e eliminación do galego, como algo desexábel e intrínseco á idea de modernidade.

 

O outro instrumento autonómico de perturbación e desorientación, cando podía ser un poderoso facho de dinamización positiva, é a CRTVG. O menos que se pode dicir dela é que, contra a letra e o espírito da lei que a sustenta, reforza o modelo diglósico social, subordinación e/ou renuncia, incentivando como norma a seguir calquera que non sexa a idea de a lingua preferente na Galiza deber ser o galego e existir un espazo de comunicación propio desa lingua que se define polos seus usos en todo tipo de funcións, ambientes e con todo tipo de interlocutores. O ente devece por nos convencer de todo o serio e importante ser e estar en español. O galego para andar por casa en bata e pachorrentos. Xa se sabe, manifestación do noso espírito enxebre, portarse ben, compracer, simpáticos e riquiños, aos de fóra. E como vivimos, que comida e que festas!...Pura compensación. A exaltación do espírito de subordinación e dependencia é tan grande e estrita que o conxunto da programación é produto dun sucursalismo político que, con desvergoña, considera Galiza un cortello de España. Hai que mantelo como está, afondando na mesma dirección: negándose, canto máis mellor, a si mesma. A lingua é para o ente un encordio que se supera co recurso á inmersión na españolidade política, social, cultural e idiomática, en versión madrileña. Para un galegofalante consciente resulta insoportábel. Para un ocasional e/ou non concienciado asentará a súa visión de o que hai ser normal e natural: subordinación e renuncia…

Ningún comentario:

Publicar un comentario