Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 20 de maio de 2021

Villares e o galego


 por Manuel Veiga Taboada en Nós Diario:


Ramón Villares vén de afirmar en Faro de Vigo que “os rapaces deixan de falar galego pola connotación política que ten”. Non é unha frase collida ao voo polo xornalista para compoñer un titular rechamante, senón que vai na liña doutras que aparecen na mesma entrevista e na liña tamén doutras opinións anteriores. É unha afirmación polémica.

Jaureguizar, por exemplo, deulle a volta ao argumento en twitter, ao afirmar que os rapaces deixan de falar galego porque non está no ambiente. E engadiu que, precisamente, se lle teñen respecto é pola connotación política. Jaureguizar ten dous fillos. O analista David Rodríguez, tamén en twitter, foi máis alá ao apuntar que Villares lle botara un capote a Feixoo tras o informe da RAG sobre o galego na escola.

A miña filla, que ten vinte anos e vive en Vigo, confirmoume a opinión de Jaureguizar e tamén me confirmou o que di o informe da RAG. Moitos rapaces non falan galego porque non teñen competencia suficiente e dálles vergoña meter a pata. Pola contra, a connotación política faría que algúns, unha minoría, o respecten máis e que mesmo intenten falalo ou aprendelo mellor, unha vez rematado o ensino.
Eu estou convencido de que, sen esa connotación política, que é a que animou tamén a investigación académica, o galego sería considerado hoxe unha fala dialectal e campesiña destinada a desaparecer a moi curto prazo, como lle ocorre a moitas outras linguas no mundo.
En todo caso, creo que a opinión de Villares é especial e significativa. Villares non é Gloria Lago nin Blanco Valdés nin sequera se pode comparar co adaptábel Barreiro. Villares é probabelmente o noso historiador de referencia e foi presidente do Consello da Cultura durante doce anos. Ademais é un usuario habitual do galego e nos seus libros define Galiza como unha nación cultural.
No seu principal traballo investigador sobre a desamortización demostrou que a compra de foros á Igrexa e aos nobres non beneficiou principalmente os labregos senón a unha clase intermedia, en moitos casos dependente da administración liberal. Ese traballo é desde hai tempo imprescindíbel na nosa historiografía.
As súas achegas sobre a emigración son menores en comparación. E, ao meu modo de ver, sobrevaloran os aspectos positivos, en concreto as remesas económicas que enviaban os emigrantes. A idea que Villares suxire é algo así como pretender que o cárcere beneficiou os comunistas, porque en prisión estudaban e algúns até facían unha carreira.
No aspecto persoal, teño que agradecerlle a súa participación no tribunal da miña tese. Era un tribunal madrileño presidido por Santos Juliá. Comentarei só que fronte o tema das nacionalidades, e por moi vagamente que se formule, as semellanzas entre os madrileños atravesan as ideoloxías e as épocas.
Villares foi o contrapunto rigoroso que me salvou. Polo demais, non hai tanto que lle presentei en Vigo o seu monllo de interesantes e ben documentados ensaios titulado “Identidade e afectos patrios”.
Creo, en definitiva, que Villares vén reflexionando desde hai moito sobre a nosa falta de conciencia como país e trata de remediala cunha postura cordial, como el mesmo di, intentando unir os galegos a través dalgunhas referencias aceptadas, como eses “afectos patrios”. O que pasa é que para unir non se lle poden dar os golpes, só e precisamente, aos que defenden o galego, pois esa é a lectura oculta que podemos facer da alusión ás “connotacións políticas” citada ao principio. Nin afirmar, como fai dúas veces ao longo da entrevista, que “o PP é o partido que máis se parece a Galiza”, unha idea superficial máis propia dun asesor político que intervén nunha tertulia que dun profesor con ampla formación académica. Parécese Vigo a Abel Caballero? Por que?

Creo que a Villares, cando se mira no espello, gustaríalle parecerse a Otero Pedrayo, por iso trata de escribir ben e con ampla perspectiva, o que case sempre logra. Pero Otero arriscou en aspectos importantes ao longo da súa vida. Villares, sen embargo, crea confusión, unha confusión perigosa neste momento.


Ningún comentario:

Publicar un comentario