Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 9 de maio de 2021

"Ámame coa lingua, fálama". Acto polas Letras na Estrada



[NOTA de Baía edicións: Queremos facer pública unha aclaración sobre estes versos que se están a compartir nas diferentes redes sociais como autoría de #XelaArias, cando realmente son de 
@emma_pedreira  e están incluínos no libro XELARIAS. PALABRA Á INTEMPERIE, de #EmmaPedreira e #LauraRomero]

Na Estrada, o vindeiro venres 14 ás 20:00, na Praza da Música, a  Asociación Cultural  Vagalumes invítanos a que nos sumemos a un acto de celebración do Día das Letras Galegas mediante este comunicado:
A nosa lingua encóntrase nunha situación de emerxencia, corroborada nos últimos días polo estudo sociolingüístico realizado pola RAG, onde se demostra a súa situación de marxinalidade entre a mocidade, tanto no que respecta á competencia como ao uso. Mais, malia os datos negativos, o goberno galego di sentirse satisfeito e anuncia que continuará practicando a mesma política lingüística. Por iso nós, desde a AC Vagalumes, perante as políticas de desprezo e exclusión levadas a cabo pola Xunta de Galiza, entendemos que segue a ser máis necesario que nunca conmemorarmos o Día das Letras Galegas e celebrarmos o orgullo da nosa literatura e da nosa lingua. 
Este ano, a persoa dedicataria do Día das Letras é a poeta, narrradora e tradutora Xela Arias, que escribiu a súa obra desde un fondo compromiso con Galiza e co galego. Cómpre afondar no coñecemento e no estudo da súa obra, pois ofrece moitas das claves para comprender a historia da creación literaria e da evolución social do noso país. 
No acto organizado pola AC Vagalumes contaremos coas seguintes intervencións: “Linguaxela”, do mestre e escritor David Otero; “Dereito a vivirmos en galego” do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira; actuación musical de Jásper, Manu García e Patti Castro; e recital poético sobre a obra de Xela Arias, no que convidamos a participar a todas as persoas que o desexen. 
O acto será retransmitido en directo en streaming a través da páxina Tabeirós Terra de Montes así como nas canles de  youtube e facebook desta asociación.. Agardamos que sexa proveitoso para reflexionarmos sobre a situación actual do galego e para non esquecermos que cada un de nós pode colaborar na construción dun futuro digno para a nosa cultura e a nosa lingua. Así o escribiu Xela Arias: “Ámame coa lingaua. Fálama”

Ningún comentario:

Publicar un comentario