Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 2 de xuño de 2021

Villares, o galego, a política e a mocidade


por Miguel Rodríguez Carnota en Terra e Tempo:

Opinar é tratar de acoutar unha illa de certezas nun mar de dúbidas. Hoxe opinarei para interpretar alguén que non coñezo persoalmente; velaquí a primeira das incertezas. Sei, por outra banda, que unha cousa é o que unha persoa pensa, outra o que esa persoa di nunha entrevista, outra o que recolle un medio escrito e outra o que ese medio escrito escolle para titular unha nova. Até aquí as inseguridades, que todo o relativizan. Imos logo coas que entendo como certezas. 

Ao parecer, Ramón Villares, recoñecido historiador, afirmou nunha entrevista que os rapaces deixan de falar galego pola connotación política que ten. Creo que, para os que dedicamos boa parte do noso tempo a estudar por que rapaces e raparigas galegofalantes claudican da súa lingua, as primeiras preguntas son obvias: como o sabe? En que estudo(s) se basea para facer tal afirmación? Posúe el algunha referencia que os demais ignoramos ou trátase, simplemente, dunha opinión persoal, sen suficiente base contrastada? No primeiro dos casos estaríamos encantados de que compartise connosco tal fonte de información para incluíla nos nosos deseños. Na segunda das situacións, que custa considerar, todo se reduciría a unha desafortunada simplificación emitida diante dun altofalante mediático, cousa impropia dun intelectual do seu talle e influencia. 

 

As crianzas e adolescentes 
“Eu non sei moitas cousas, é verdade; eu digo tan só o que vin”, dixo León Felipe. Falarei entón só do que vin, mais falarei ben alto. As investigacións sociolingüísticas efectuadas até a data, incluída a miña propia, non parecen apuntar no camiño que Villares sinala. Se falamos de crianzas, hai centos, miles de pequenos e pequenas galegofalantes que perden a súa lingua cando entran en contacto co medio escolar. Creo que todos coñecemos alguén que mandou as cativas á escola falando en galego e recibiunas de volta convertidas en españolfalantes. A connotación política atribuíbel aos pequenos falantes, asegúrolles, pinta pouco neste cadro, no que os protagonistas son nenos e nenas de tres, catro ou dez anos. Hai outras connotacións, moito máis dramáticas, que aparecen máis claras e que merecen máis atención. 
Se falamos de adolescentes a cousa, certamente, complícase. En principio, a miña pesquisa desminte máis unha vez a rotundidade da afirmación atribuída a Villares. Nela, os adolescentes que claudican do seu galego materno fano principalmente (e resumo moitísimo) acusados de raros ou de aldeáns, non de políticos. Algúns deles son severamente atacados por falaren en galego, dando lugar a situacións de acoso escolar que sempre fica impune.

 

A connotación política 
Outras persoas novas —e de aquí, quizá, a confusión— mudan de lingua habitual desde o español para o galego nos derradeiros anos da adolescencia ou nos primeiros da mocidade, e fano despois dunha toma de conciencia social, ecolóxica, política. Estas tamén teñen que afrontar situacións próximas ao acoso por parte de compañeiros e compañeiras e —pásmense!— tamén de profesoras e profesores ideoloxizados contra o galego, en exercicio do seu labor profesional. E si, constato que hai mozos e mozas que renuncian a falar en galego despois de observar a presión social sobre outros e outras que se atreveron a facelo. Máis non é a causa da súa connotación política, nacionalista ou o que for, unha idea da que frecuentemente estes galegocalantes tamén participan. É a causa da reacción do seu medio social, incluído o escolar, diante desa connotación política. O cal é moi diferente. 
Explícome. Coa mesma connotación política a reacción do seu medio ben podería ser outra. Por exemplo, e perdoen a simpleza, coa mesma connotación política, os xoves neofalantes ben poderían recibir unha salva de aplausos dos seus compañeiros de aula e dos seus profes cada vez que demostrasen a súa nova condición lingüística. Iso, como sabemos, non pasa, nin pretendemos que pase. Só pretendemos que os deixen vivir en paz, que é tanto como dicir que se respecte a súa liberdade lingüística. Que se deixe medrar a lingua en normalidade, sen xabaril que estrague a colleita nin escopeteiro empeñado en derrubar as pombas que voan libres. E isto, segundo todas as investigacións sociolingüísticas, tampouco sucede. Aquí está o grave: o que fala galego fóra dos usos rituais é estigmatizado e adoita pagalo caro. E mil grazas a que eses novos galegofalantes existen, coa súa ideoloxía política ou sen ela, porque senón, no ambiente que describo, non falaría en galego nin o gato, se falar puidese. 
Na ditadura lingüística, xa? 
Mais, tomando a parte polo todo, imaxinemos que as afirmacións de Villares son certas e universalmente comprobadas. Que os xoves galegos deixasen de falar galego a causa da connotación política de tal conduta. Isto abriríanos unha nova porta, aínda máis inquietante, pois situaríanos nun contexto de marxinación, de persecución por motivos políticos exercida por unha parte da sociedade (a maioritaria, a que transmite as directrices do poder) sobre outra (a desposuída, a non hexemónica). Estaríamos a falar dunha sociedade atravesada pola intolerancia, cos máis elementais dereitos conculcados por sistema e calquera protección legal convertida en papel mollado. Sería o eterno soño da extrema dereita, con centos, milleiros de adolescentes e xoves querendo falar en galego con normalidade, sen poder facelo por medo á reacción do veciño.

 

É esta a nosa realidade, xa? Sendo así, sorprende que o analista sensíbel non se escandalice, non se alarme, non reaccione contundentemente ante tamaña inxustiza nin chame á acción inmediata para repor a liberdade, senón que máis ben pareza limitarse a dar fe da desigualdade e, querendo ou non, a naturalizala. E a recibir, querendo ou non, o parabén de quen nega ou sostén o infame statu quo.

2 comentarios: