Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 17 de outubro de 2022

A tarefa de galego

 


por Cándido Paniagua no Nós Diario:

Había unha vez un profesor de galego que lle mandou como tarefa ao alumnado falar galego na casa. Non creas que foi unha medida premeditada, nin tan sequera unha actividade de preparación dunha proba oral. Non, non. Foi unha medida desesperada.

 

Todo aconteceu un anódino luns a segunda hora. O lugar: un centro de secundaria da urbe máis grande de Galicia. Cando comezou a sesión, o docente impartiu os contidos que traía preparados. Ese día tocaba debullar o bilingüismo. Concepto doado que explica a súa realidade máis mediata. Ou iso cría el.

 

Pódese dicir que o grupo en cuestión era moi riquiño (e todos cantos adxectivos rematados en -iño se che ocorran). Agora ben, dende o comezo de curso, o profesor detectou unha eiva que o preocupou: a rapazada non sabía falar galego. E si, les ben. NON ERAN QUEN DE FALAR EN GALEGO!

 

Como pode ser? Como é posible que xente nova educada no decreto do plurilingüismo non sexa quen de se expresar na lingua propia do país?

 

Probou con diferentes técnicas para reconducilos polo carreiro. Tomou prestada a expresión I don’t understand you e a atenuada: en galego, por favor. Mais o alumnado continuaba a facer das súas: falaba castelán nas aulas de galego. Que cousas! Os rapaces insistían en traballar a diglosia elevada á máxima potencia (as matemáticas estúdanse mellor en castelán, Xunta dixit).

 

O debate subiu de intensidade cando alguén espetou que só se debería falar español. O resto lexitimou prexuízos perpetuados xeración tras xeración. Varias frases lapidarias fixeron que a carraxe do docente se envorcallara en bile e... Pum. Unhas gotas do mellor enxeño didáctico e un pouco de imposición: “os deberes de hoxe serán... FALAR GALEGO NA CASA”.

 

Caput. Catabum. Bum. Chimpúm. A deflagración da nova ouviuse ata no despacho de dirección. “Adoctrinamiento”. “Yo no sé gallego”. “Se van a reír de mí”. Consecuencias dunha tarefa difícil que só pretendía conseguir fluidez, porque un idioma só se normaliza FALÁNDOO.

 

Ao día seguinte, cando intercambiaron opinións, aconteceu de todo. Houbo faltas de asistencia xustificadas por facultativos que recomendaron repouso da gorxa; tamén, animais domésticos famentos que paparon palabras, esquecementos voluntarios porque si... Porén, houbo unha tímida voz que dixo: “Falei en galego con meus pais”. “E que pasou?”, preguntou o profesor. “Nada. Falamos de todo, coma sempre, pero en galego”.

 

Éxito. Un de trinta convida á (des)esperanza.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario