Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 3 de outubro de 2022

O galego non provoca indefensión por defecto, pero nós estamos indefensas ante a Xustiza


 
por Elsa Quintas Alborés en Nós Diario:

Recentemente unha xuíza fíxome saber en sala que non gostara das miñas actuacións por escrito en galego e, saltando a Lei de Axuizamento Civil, ofrecía á avogada contraria a oportunidade de invocar indefensión para tratar de impedirme continuar en galego.
Inaudito.
O artigo 142.3 da Lei de Axuizamento Civil dispón que as partes, os seus procuradores e avogados, así como as testemuñas e peritos poderán empregar a lingua que sexa tamén oficial na Comunidade Autónoma en cuxo territorio teñan lugar as actuacións xudiciais, tanto en manifestacións orais como escritas.
O dereito dun avogado e doutros operadores xurídicos a expresarse en galego non admite excepcións. Quen intervén como parte ou como testemuña goza do mesmo dereito e tampouco pode ser obrigado a abandonar o galego.
Por iso conviría que, a fin de manter a neutralidade ou cando menos a apariencia de neutralidade na sala, os xuíces se abstivesen de realizar calquera alusión á lingua escollida polos intervintes.
Calquera alusión á lingua é intimidatoria e coaccionadora da liberdade de quen opta por unha lingua. Pero é que ademais pode ser percibida polo cliente como un signo de animadversión do xuíz cara ao letrado, chegando a entender que este pon en risco o bo resultado do procedemento por falar en galego.
Máis dun compañeiro tenme referido experiencias nas que o cliente, sorprendido ante a intervención en galego por parte do seu avogado durante o xuízo, insinúalle despois que tal feito ha malograr unha resolución favorábel por canto interpreta certo desacato ou indebido atrevemento ante o xuíz. O resultado demostra finalmente que a lingua non fai perder nin gañar o litixio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario