Este pasado venres 30/09/2022 a Asociación Cultural Vagalumes presentou no MOME da Estrada o libro A Estrada encantada. Mitos, lendas e contos, de Clara Iglesias Cortizo, editado pola Deputación de Pontevedra.
O local encheuse e acabou sendo pequeno para a gran asistencia de público. a autroa estivo acompañada da deputada do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Memoria Histórica e Lingua da Deputación de Pontevedra, Marta Otega. O escritor David Otero foi o presentador e Marcos Borrajeros tivo varias intervencións como contacontos. O acto rematou coa actuación musical a cargo de Anxo Fernández e Gustavo Brea.
Ademais do vídeo, recollo do Xornal Tabeirós Montes o que a Asociación Cultural Vagalumes pretende con esta publicación:
Para a AC Vagalumes é obxectivo prioritario o coñecemento e valorización do noso patrimonio, tanto material como inmaterial. A mitoloxía popular pertence ao conxunto do riquísimo patrimonio inmaterial do noso país, pero a súa vixencia e transmisión están en retroceso. O mundo labrego tradicional que a sustentaba devece e a última xeración de persoas depositarias e usuarias destes saberes está a desaparecer. Os mitos populares expresan a interpretación que a sociedade labrega tradicional fixo do pasado e da realidade en que vivía e cumpriron unha importante función de cohesión social. Polo tanto, é importante coñecelos, comprendelos e valoralos porque constitúen un elemento significativo da nosa particular concepción do mundo e explican moitas das claves da nosa identidade. Os mouros e as mouras, os tesouros ocultos, os demos, as meigas, as visións, as ánimas en pena... constitúen unha auténtica mitoloxía popular galega, creada e transmitida polo pobo ao longo de moitas xeracións. En A Estrada encantada a autora prentende facer unha compilación, clasificación e interpretación de mitos e lendas recollidos no noso concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario