por Sara Mandiá Rubal no Nós Diario:
Chegou a escuridade para a nosa lingua por anos de esquecemento. Reis que ían e viñan, nobres con vendetas, ausencia dunha burguesía local forte e ditadores que a abafaban e perseguían. Ensináronlle ao galego o campo de batalla con ofensas e calumnias, mais soubo non renderse. Resistiu.Hoxe fica presente en todas as redes sociais e é posíbel escollelo como lingua para configurar os nosos móbiles e buscar na Internet. Cando o mundo parece, máis ca nunca, un pano nun puño pechado, o galego aínda forma parte da costura.
Será que sabiamos que unha lingua fica morta cando carece de continuidade natural? Cando non é lingua materna de ninguén? Pois cantos hai que a tiñan como compaña no lar e a agochaban nos refaixos e camisas cando outros asexaban.
Castigados a golpe de vara e regra, ensináronlle ás crianzas a non sentila dor. Así é como a lingua, ferida de morte, se repuxo dunha longa noite de pedra.
dicada e enriquecida polas novas xeracións, hoxe é canle de sentimentos e vivencias dunha nutrida comunidade dixital. Oitenta e seis anos nos separan do plebiscitado do 36. Agora, como entón, hai quen agarda paciente e confiado saboreando o bocado do inminente cargo público. Só entón, moitos deles o empregarán como provedor de votos e prebendas.
Os grandes medios de comunicación, sistemas endogámicos aos que o máis ilustre dos políticos debe pagar e suplicar, son voceiros do poder. Xeran opinión en función dos propios intereses e o galego non sempre foi a diana terapéutica que debería para diseminar a honra polo propio.
"Os cidadáns libres de Esparta son as súas murallas", sinalaba con fachenda o rei Agesilao II no século IV. E é que a lenda dos espartanos chegou a nós con inusitado vigor. Xenofṓn iniciaba unha das súas obras menores –A Constitución dos Lacedemonios– recoñecendo que, sendo Lacedemón unha das cidades estado menos poboada de cidadáns, era a máis célebre e poderosa de toda Grecia. Estudando os seus costumes, xa nunca máis se volveu sorprender. A verdadeira forza do espartano reside na súa determinación.
A derrota dos lacedemonios perante a cidade de Tebas, na batalla de Leuctra (371 a.C.), supuxo o final da súa hexemonía. Foi causada, precisamente, pola quebra das liñas espartanas. Con todo, a polis helena seguiu a ser unha unidade política independente ata a conquista romana de Grecia, no ano 146 a.C.
Tamén aquí a forza dun poderoso mar de fondo foi salvagarda da identidade e lingua propias. Agora, a continuidade está en nós. Nos espartanos e espartanas que diariamente eliximos e elixiron, reflexiva e conscientemente, o galego.
Aos novos falantes, dígolles: non é sinxelo non sucumbir mais non hai lugar para a debilidade, non agora. Aos que xa o empregan: sede teimudos, que a liberdade non sexa a tumba da pluralidade.
En 2016, unha compañeira do Senado –traballei na cámara alta indexando documentación xurídica de parlamentos e gobernos autonómicos– díxome que tiña una avoa galega. A novidade do dato residía, para min, en que ela era oriúnda de Cádiz e desprazárase a Madrid para facerse cargo do traballo senatorial.
Eu respondín de forma asertiva e ela continuou. A avoa galega da rapaza viviu en Cádiz máis tempo do que podía recordar ter vivido en Galicia. Así a todo, sempre falaba da terra, e sempre falaba galego.
—Como? Que falaba galego en Cádiz?
A compañeira, afirmou cun sorriso que a súa avoa sempre falara galego. E nunca, ninguén, en ningún sitio, lle puxera un só problema. "Ela era a que tiña os cartos", díxome.
Reivindicar o valor do idioma galego é reivindicar o papel de Galicia. O galego danos un lugar no mundo. Unha familiaridade que recoñecemos en calquera parte do planeta aínda sendo dous descoñecidos. O audiovisual, a literatura, a música... as redes sociais agora! fanme sentir na casa estando fóra dela.
Afortunadamente para min, vexo cada día máis iniciativas que arriban a porto en prol da lingua propia. Ad maiorem Dei gloriam, fano dende un máis que respectuoso activismo lingüístico. Asumindo a diversidade como un valor. Un patrimonio cultural, social e histórico que debuxa unha cidadanía galega moderna.
Ningún comentario:
Publicar un comentario