Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 29 de xullo de 2015

A Igrexa e o galego: un problema de secularización

por Pedro Castelao en La Voz:

O 5 de xullo cumpríronse 50 anos da primeira misa en galego. Foi presidida polo padre Seixas, en Santiago, na igrexa de San Domingos de Bonaval, lembrando a Rosalía. Que dicir deste medio século da relación entre a Igrexa e o galego?
Ante todo, unha constatación: a Igrexa galega -nomeadamente os seus dirixentes- ten un serio déficit de normalización da lingua. Probablemente non moi distinto do que ten toda a sociedade galega, pero hai unha diferenza esencial: as autoridades da Igrexa non parecen nin tan sequera sensibles aos problemas do galego. É comprensible tal inconsciencia?
A perda dunha lingua é a perda da identidade colectiva dun pobo. A doutrina social da Igrexa é perfectamente clara verbo da defensa, do coidado e do respecto que merecen as culturas e as linguas dos pobos da terra. Tamén o son o Concilio Vaticano II e, especialmente, o Concilio Pastoral de Galicia. A Igrexa non pode desobedecerse a si mesma. Como é, pois, que os bispos e os cregos de Galicia non atenden con urxencia a tal situación sendo o galego a lingua propia do seu pobo eclesial?
Unha hipótese arriscada, pero verosímil: os dirixentes da Igrexa galega obedecen neste asunto, sen dárense conta, a dous criterios mundanos, secularistas e sociolóxicos antes que evanxélicos. O primeiro (tan vello coma actual): o clasismo. A diglosia imperante na sociedade reflíctese na Igrexa e a Igrexa reforza o clasismo da sociedade. O castelán é cool. O galego non. O castelán é universal e útil. O galego local é inútil. O castelán ten futuro. O galego só ten pasado. Ás veces disimúlase con algo de maquillaxe -o Noso Pai ou o final da homilía en galego- pero sen éxito.
O segundo: a lingua galega é percibida coma instrumento de politización. Se un fala castelán non pasa nada. Esta é a realidade cotiá, neutral e non tendenciosa. Se, porén, un opta polo galego, como non ver aí unha sospeitosa, ideolóxica e perigosa opción política?
Alí onde, á luz do Evanxeo de Xesús -aquel home de aldea-, máis ollos se deberan ter para as persoas e realidades ignoradas, asoballadas e desprezadas -como a cultura, a lingua galega e os seus falantes- resulta que é xusto onde máis se axuda a consolidar esa situación de ignorancia e desprezo.
Que triste e paradoxal situación! Temos aos bispos e aos cregos de Galicia preocupados pola secularización da sociedade e, porén, cegos ante o feito de que tal secularización -a saber: clasismo e politización- rexe internamente a súa concepción da realidade galega.
Mentres non logremos desactivar estes poderosos prexuízos dentro da Igrexa -e, xa que logo, en todos os estratos da sociedade- non ten sentido agardar un futuro mellor.
Con todo, se algo ensina o cristianismo é a non desesperar. O recordo da primeira misa en galego en lembranza de Rosalía ha ser, pois, un estímulo para avanzar na vivencia dunha relixión verdadeiramente inculturada na nosa terra. Deixémonos de prexuízos e normalicemos xa o galego na Igrexa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario