Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 30 de xullo de 2015

Para unha nova e verdadeira política a prol do galego

por Marcos Maceina, no Sermos Galiza:

Coa lembranza activa de Rosalía, ás portas de conmemorarmos o centenario das Irmandades da Fala, e tras avaliarmos o escaso nivel de cumprimento dos principais acordos a respecto da nosa lingua, concretados no Informe sobre o cumprimento do PXNLG, no Relatorio sobre o incumprimento da Carta Europea das Linguas ou na recente denuncia sobre a vulneración de dereitos lingüísticos presentada no Consello de Dereitos Humanos da ONU, na Mesa pola Normalización Lingüística decidimos dar un paso á fronte e impulsar, sen exclusións de ningún tipo, unha Declaraciónde unidade a prol da normalización da lingua galega, finalmente asinada pola inmensa maioría dos partidos actuantes en Galiza.
A nosa intención nun momento como o actual en que o galego está a sufrir importantes retrocesos foi, é, visibilizar unidade en torno á lingua e retomar o acordo democrático de que o idioma galego, a lingua propia de Galiza que nos identifica e nos une, debe ser obxecto de especial fomento e protección por parte das institucións e dos poderes púbicos galegos, con políticas decididas que afirmen e potencien o seu uso. Un principio básico do que ninguén se debeu desmarcar nunca. Para iso propuxemos tomar como punto de encontro o estabelecido na Lei de Normalización Lingüística, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e os acordos internacionais como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos da UNESCO e a Carta Europea das Linguas promovida polo Consello de Europa, acordos tomados en común polo Parlamento galego ou ratificados unanimemente por este, mais que continúan sen se aplicar debidamente.
Pensamos que é preciso abrir unha nova etapa e iniciarmos entre todas e todos unha nova e verdadeira política lingüística, tomando os acordos mencionados como punto de partida para a reposición, rehabilitación e plena normalización do noso idioma; aplicando, introducindo e mellorando todo canto for preciso para garantir o dereito a vivirmos en galego, conseguirmos igualdade a todos os niveis e oficialidade real. Para isto coidamos que é positivo que todos os partidos manifesten publicamente a través desta declaración a súa vontade e compromiso de actuaren neste sentido.
Unha nova política lingüística que retome ou inicie, por fin, as medidas que tras seren aprobadas con acordo amplo, non se introduciron ou directamente se eliminaron, como as sinaladas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Ese é o obxectivo da Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega, asinada o pasado 15 de xullo pola práctica totalidade de partidos actuantes en Galiza.
Un obxectivo que se debe materializar canto antes, comezando por retirar os principais obstáculos que impiden a aplicación do contemplado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado en 2004 por unanimidade parlamentaria. Un é a reforma da Lei da Función Pública galega, que deixou de requirir a demostración práctica do coñecemento do galego nas probas de acceso ao emprego público. O outro, amplamente contestado e obxecto das maiores mobilizacións sociais da última década, o mal chamado decreto de plurilingüísmo, que estabelece un máximo do 33% de galego nas aulas e prohibe expresamente o seu uso na docencia das matemáticas e das ciencias, o que é radicalmente contrario ao indicado no PXNLG.
Se houber dúbidas ao respecto, lembremos o que di o Plan que todos os partidos se compremeteron a retomar:
Medida 2.1.26. Na educación primaria garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Á parte da área de coñecemento do medio natural, social e cultural, xa fixada legalmente, fomentarase que se impartan nesta lingua materias troncais en toda a etapa, como as matemáticas.
Medida 2.1.27. Na educación secundaria obrigatoria garantir que , como mínimo, o alumando reciba o 50% da súa docencia en galego. Dentro das posibilidades de cada centro, tendederase a que entre as materias que se impartan nese idioma figuren as matemáticas e a tecnoloxía, á parte das que xa están legalmente establecidas.
Medida 2.1.28. Nos bacharelatos garantir que , como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. (...).
Medida 2.1.19.Nos ciclos formativos garantir que , como minimo, o alumnadoando reciba o 50% da súa docencia en galego. (...).
Ábrese un tempo de esperanza, mais xunto ao da administración e do ensino hai moitos outros ámbitos onde é preciso actuar. Hai no Estado 499 disposicións legais que obrigan ao uso do español no comercio, etiquetaxe, información, servizos públicos... As favorábeis ao galego cóntanse cunha man e non se aplican aínda levando décadas aprobadas.
Tras a declaración do 15 de xullo, con centos de colectivos de testemuñas, comeza a hora dos pasos adiante e do exercicio da responsabilidade cos compromisos adquiridos e a palabra dada por todos os partidos, cada un na parte que lle corresponder.
O cumprimento do sinalado nesta declaración, nos acordos nacionais e internacionais ratificados unanimemente nas nosas institucións, ten que ser a base de partida para unha nova, necesaria e urxente política lingüística que se oriente a gañar un futuro digno para a nosa lingua, a recuperar espazos de uso e que garanta e defenda o dereito a vivirmos plenamente en galego, con verdadeira igualdade e oficialidade real. Unha nova política lingüística que recupere o papel impulsor que deben desempeñar as institucións e os poderes públicos, for desde a Xunta coa cota máis grande de responsabilidade legal e moral, for no máis pequeno dos concellos galegos, pasando polas Deputacións. Unha nova política lingüística que acompañe a sociedade galega que xa actúa en solitario para repor a lingua de noso en todos os lugares de onde está excluída.
Unha responsabilidade co futuro de Galiza e da súa lingua que tamén compete á sociedade, comezando pola Mesa pola Normalización Lingüística como promotora da Declaración, que debe velar día a día porque estes acordos non fiquen no baleiro, e non sexa outra simples declaración retórica de amor sen consecuencias prácticas.
Temos que camiñar xuntos pola lingua que nos une. Sabemos que é unha andaina difícil, e que só avanzaremos con esforzo, vontade, apoio e exixencia mutua. Só pedimos que nunca máis ninguén se exclúa deste compromiso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario