Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 16 de xullo de 2015

Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega




Onte todos os partidos políticos mostraron asinaron unha declaración conxunta (ao PP custoulle bastante, pois non o fixo ata o último momento) que lles fora proposta pola Mesa para a Normalización Lingüística. O acto tivo lugar ao mediodía ao pé do monumento de Rosalía de Castro na Alameda compostelana.
Velaquí a declaración:

A lingua galega é a grande obra colectiva do pobo galego. A que nos une e nos identifica, a que nos dá voz propia nun mundo plural e diverso ao que queremos contribuír.
O galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo. O idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos e unha necesidade para avanzarmos xuntas as xeracións presentes, en todos os ámbitos, na cultura, na educación, no progreso social, económico e político.

Recentes estudos de organismos oficiais voltaron pór de manifesto un preocupante retroceso social da lingua que mostra a necesidade de avanzarmos para erradicar vellos e novos prexuízos.
É preciso abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega, coa implicación de todos os sectores, afirmando conxuntamente a nosa intención de aplicación, mellora e introdución de todo canto for preciso para garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real, tomando como punto de partida os acordos comúns e amplos establecidos na Lei de Normalización Lingüística, na Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.
Do mesmo xeito, reafirmámonos no disposto na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos promovida en 1996 pola UNESCO e na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas promovida polo Consello de Europa e ratificada polo Estado español en 2001, e ambas as dúas coa adhesión unánime do Parlamento galego.
As organizacións políticas galegas, coas nosas diferentes alternativas, proxectos e ideoloxías, queremos manifestar a nosa unidade na vontade de normalizar a lingua galega e devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institucións onde teñamos responsabilidade de goberno.

Santiago de Compostela, Galiza, 15 de xullo de 2015.
No 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro.

2 comentarios:

  1. Recomendo estes dous artigos sobre lingua:

    http://galicianstate.blogspot.com.es/2015/07/vantaxes-de-educar-aos-nenos-en-galego_13.html

    http://galicianstate.blogspot.com.es/2015/07/vantaxes-de-educar-aos-nenos-en-galego.html

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas pola información. Sinto que tardara tanto en publicar o comentario, pero é que nesta temporada estou completamente desconectado

      Eliminar