Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 30 de xullo de 2015

Voltarmos ao consenso lingüístico

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:

O acordo a prol da promoción da lingua asinado por todos os partidos, a medio dos bos oficios da Mesa, ten unha trascendencia indubidábel. Por unha banda vencella á nova esquerda de Podemos coa nidia liña de discriminación positiva que debulla o acordo. Por outra, visualiza a ruptura aparente do PP coa utilización partidista que leva facendo do galego dende fins do 2008. Utilización que xerou graves danos, non só ao uso da lingua, nomeadamente no ensino, senón á mesma cohesión social. Semella que o PP dá por amortizada a adscrición electoral a Ciudadanos (C´s) da minoría galegófoba, pouco significativa en cantidade, mais de certo en minguante predicamento en determinados sectores urbanos. E tenta achegarse ao centro e a un discurso de integración que o PP tiña moi claro antes do 2006.
Cómpre, tamén, salientar a remuda na estratexia da Mesa. Independízase de oficiosos vencellos partidarios para asumir un rol transversal de organización social de referencia no eido lingüístico, contribuíndo a lle dar músculo á nosa sociedade civil. Un acerto.
Mais este acordo chega en tempos moi difíciles para a lingua e de pouco ha server se os actores politicos e sociais non son quen a levalo ao eido práctico. Derrogando máis cedo ca tarde o Decreto de plurilingüismo e facendo social este grande consenso político, nomeadamente para avanzar na normalización dos mundos empresarial, xudicial e sanitario. E afondando na estratexia da Iniciativa Lexislativa Popular “Paz Andrade” para fomentar a integración cultural, comunicacional e empresarial de Galicia nunha vizosa lusofonía presente nos cinco continentes. Co obxectivo de facer Galicia visíbel no mundo, mais tamén facerlle visíbel aos galegos que a nosa lingua e o portugués son ponlas da mesma árbore. E que os galegos non precisamos de tradución para lermos Borges, mais tampouco Nélida Piñón.
E deixemos, mentres, as leas normativas. Porque, de seguirmos esta folla de ruta, as decisións neste eido tamén chegarán ao seu tempo. Dende o consenso social e político, como han chegar as grandes decisións de País.

Ningún comentario:

Publicar un comentario