Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 3 de xuño de 2016

A linda cooficialidade dun país diglósico

por Iolanda Teixeiro Rey, no Sermos Galiza:

E a ledicia que nos dá vivir nun país diglósico? Iso é impagavel! Camiñando aquelas ruas encostas de Porto, onde todo a xente se dava a falar portugués, decateime eu do triste aborrecemento daquel viver monocorde.

Aqueles galegos ascendidos a nazón, non podían autoidentificarse ao estilo manuelino de Fraga porque non tiñan a cotío, de fronte, un falante superior que, precisamente por mor desa superioridade lingüística, non os entendese. E iso ten que ser moi aborrecido. Plano demais para un encefalograma galego habituado ás liortas dialecticas dos parrafeos e loias ancestrais. Os portugueses, ao que parece, falan todos a mesma lingua, o portugués, que vén curiosamente do nome de seu país, Portugal, do Portus Cali, eis Porto. Unha lingua tan cuspidiña á lingua nosa que mesmo parece cousa do demo que xa sabemos que era políglota, quer dizer, sospeitoso. E fálano e escréveno porque teñen non só o dereito como os galegos, senón também o dever. Así, cando os portugueses van ao médico, poño por caso, poden se referir a calquera inflamación co sufixo -ite tan ricamente sen ter que simular, perante o facultativo, ser do rural, de arrabaldo ou nacionalista tirando a arredista. No entanto en Ferrol calquera galego con otite ten de aparentar unha otitis en toda regra se quere ser diagnosticado axeitadamente.Isto vale igualmente para a apendicite porque a lingua galega funciona na diglosia como unha apéndice da castelá. De certo, na nosa etioloxía médica o galeguismo é unha doenza que cursa con síntomas esquizoides asociados a unha intolerancia á lactosa pola que se fecha a glote e inflámanse as cordas de certas vogais, nos casos recorrentes. Até tal estadío clínico que se podería chegar a trabucar na pronuncia óso-esquelete e oso-animal se non fora porque xa os exterminamos a todos. Os animais, claro, e aí non há densitometrías que vallan.
En fin, ao que ía, que viver en monolingüe é moi triste e por iso Pessoa é un poeta señardoso e fusco, sen a retranca dun Curros ou dun Leiras Pulpeiro, que xa portava a diglosia no apelido. Algúns coidan que os galegos vivimos vidas paralelas, vidas que non se atopan en ningún ponto, e iso non é certo porque o galego e mailo castelán conflúen no castrapo que é a nosa lingua universal. Porque os portugueses o mesmo te falan do viño que te defenden unha tese doutoral encol do acelerador de protóns na sua lingua. Os galegos non. Falamos do viño en galego, dos protóns en castelán e do demais en castrapo. Agás o ferrolano, ese raro especime da praza de Amboaxe cara ao Parador, que cando se desata a falar galego, nas arroutadas das Letras ou do Patrón, calcula que vai servido engadindo o sufixo -iña ou -ela a toda adxetivación. -Que riquiña estava a tortela de patacas, verdad? Di, se cadra, co gallo dalgún evento rexional. -Si, pero o polvo te estava algo duro. -Ai, muller, non me seas tan pueblerina, di pulpo, como toda a vida!
Viver nun país diglósico de linda cooficialidade non ten comparanza no tocante ao humor. Non podes mercar unha lámpada porque te arriscas a pasar por pedante e tes que te conformar cunha bombilla ou bombela se es de Ferrol, do centro centro. Se es das aforas aínda podes mercar en Vagalume que curiosamente é unha palavra galega que sempre empregan os castelánsfalantes porque luciérnagas aquí nunca houvo.
Viver en diglosolandia mantente sempre na alerta cando escoitas o debate do Estado da Autonomía a un presidente plurilingüe como poucos monocordando tan acorde.
Viver nun país diglósico non ten mais que avantaxes porque podes pasar por estranxeiro se quixerdes. Eu estiven tentada de entrar no Casino o día da Hispanidade e sociabilizar deste xeito: Fai favor de me poñer unha macela, un pingo con bolachas, un zume de ananás con xelo e duas cervexas? Non mo traia á mesa. Se non é amolamento xa llo collo eu polo balcón. E cando o camareiro me mirar con ese abraio natural de país diglósico, dicíndome: Como dijo la señorita? Espetarlle cun sorriso xentil: Do you speak english, please? A camomille, one coffee with biscuits, one juice and two bears. Quero dizer beers que os animais xa os extinguiramos, non si?

Ningún comentario:

Publicar un comentario