Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 15 de xuño de 2016

As cinco vogais do listísimo Carlos Callón

por Carlos Callón, no Sermos Galiza:
Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos en Galiza, respondeu ao meu último vídeo, no cal eu afeaba que chamase o galego escrito como unha "lingua de laboratorio", entre outras cousas.
Hai varios aspectos das súas respostas -que circulan polas redes sociais- que debo contestar.
1º) O único que critiquei é que repita falacias que serven para desprestixiar o galego e que son tristemente coincidentes cos prexuízos fomentados polo PP.

É unha mágoa que o faga, mais está a tempo de aprender, de revisarse e de se decatar de que o que se di en público ten consecuencias.
Con todo, teño que dicir que me parece moi positivo que a secretaria de Podemos en Galiza, igual que o seu equivalente do PSOE, se exprese con normalidade en galego.
2º) Atribúeme que eu, ou "xente tan listísima como Callón", fago mofa das persoas que cometen faltas falando ou escribindo. De novo, prexulga.
Díxeno moitas veces (pode comprobalo en Google ou nos varios libros que publiquei): os nosos erros danlle nova vida ao galego. Non hai ninguén que pase de falar unha lingua mal a falala ben sen pasar por un longo camiño falándoa regular. Co galego, igual que co resto. Nin máis nin menos.
O noso é un idioma tan válido como calquera outro e que pode ter diferentes rexistros e niveis. O problema que a secretaria de Podemos en Galiza manifesta é que non acepta que o galego poida ter tamén un rexistro formal.
3º) Non deixa de ser curioso que, despois de me atribuír falsamente que eu me meto coa lingua que usan os demais, ela comece a criticar o meu galego, nun ton que resulta mesmo infantil: "A lo menos eu non teño que forzar unha pronunciación natural e teño as 7 vogais, xa lle gustaría a Callón" ou "Penso que igual tiñamos que darlle a Carlos Callón unhas clases de fonética, que lle fan moita faltiña..."
Imaxinemos que teño esa pronuncia tan pésima. O lóxico non sería animarme a mellorala e non facer burla pública?
4º) Continúa cun dos prexuízos máis rancios contra o galego. Di que a fonética propia do idioma de Galiza "é algo xenuíno que non se pode aprender, ou o tes ou non o tes porque naces e aprendes a falar na nosa lingua dende pequeniña".

Ben... Desde cando os idiomas non se poden aprender? Pásalle algo en concreto ao galego polo cal non poidamos aprender a pronunciar as súas sete vogais e si poidamos logralo coas mesmas sete do italiano ou as moitas máis que hai en francés ou inglés? Cal sería a consecuencia lóxica de tal razoamento? Unha fala só de uso familiar (e só de algunhas familias) e cada vez máis restrinxida. Moitas persoas non queremos iso.
Ao contrario, eu penso que o porvir do galego está nas persoas que hoxe aínda non o falan, mais que si saben do seu valor e que o aman. Tamén nas persoas que o falan como poden porque non tiveron as oportunidades e ferramentas da xeración da secretaria xeral de Podemos en Galiza, mais que tentan mellorar e merecen todo o apoio.

5º) Continúa a argumentar que o futuro do BNG está vinculado co do estándar do noso idioma. Abráiame que una tan intimamente ambas as cuestións. De calquera xeito, non sei se sabe que o actual presidente da Real Academia Galega é un home que milita en Esquerda Unida e que se cualifica a si mesmo como "españolista" e o anterior é militante en Anova. A Real Academia Galega é, desde hai trinta anos, o organismo encargado de propor as mudanzas no estándar do galego.
6º) A loita pola dignificación do idioma do país non é algo puramente cultural. Ao contrario, é un termómetro de como está a nosa riqueza, o noso recoñecemento político como nación, o noso desenvolvemento... Non é casualidade que os grandes inimigos da nosa lingua sexan os mesmos chuchóns da nosa riqueza. Mellor non darlles armas.
7º) Tamén repite moito que non deberiamos centrarnos nestas cousas e que non atacamos o PP. Esquece que o BNG leva trinta anos combatendo o PP e evitando que aplique as súas políticas sempre e en todo lugar no cal tivo ocasión. Está moi ben que outras forzas decidan sumarse, mais non debería utilizar esa cantarela como escusa para poder dicir calquera barbaridade sen ter réplica. Sen lingua non hai futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario