por Nel Vidal, no Praza Pública:
Figureiro, pasmón, de escaparate, parvo, machucante, pesado, absurdo, ocultante, ineficaz, repetitivo, secundarizador, molesto…, ou paspán (como o ten denominado o psicólogo Ferran Suay). Para o título escollín “enredante”, mais creo que de calquera destas formas se podería adxectivar o bilingüismo ao que me refiro neste artigo, ao que lle levo un tempo a dar voltas e sobre o que non me animei a escribir nada até que non merquei un cartón de Deleite, que é só “leite galego” por diante, por atrás, polos lados e por arriba (e cumprindo coa normativa que impón o castelán en ingredientes e caducidade). Galego 100%, en masculino, por todo o envase, si, sen necesidade de, ao mesmo tempo, querer ser outra cousa. Sen ser figureiro.
Pero eu quería falar dese bilingüismo enredante, non de leite… Refírome con todos os adxectivos do inicio a “saída / salida”, “peaxe / peaje”, “caixa/caja”..., ou ao aínda máis absurdo do panel da estación de tren de Santiago, que pon “hora / hora”, “tren/tren”, “destino/destino” e “vía/vía”. Pode ter isto outra finalidade distinta á de enredar? Porque non quero pensar que quen impulsa duplicados lingüísticos ao xeito crea que as persoas non galegofalantes, ademais desa eiva, teñan outras máis graves!
Imitar aquí unha lóxica necesaria en Euskadi, ou aplicar entre galego e castelán algo útil entre, por exemplo, galego e inglés, só provoca incomodidade e secundarización lingüística
Imitar aquí unha lóxica necesaria en Euskadi, ou aplicar entre galego e castelán algo útil entre, por exemplo, galego e inglés, só provoca incomodidade e secundarización lingüística.
É ese bilingüismo tan adxectivable do que falo o mesmo, por exemplo, das probas de acceso ao Sergas, onde ante calquera erro ou dúbida prevalece a versión en castelán. Ou o dos convites en dobre versión para os actos de homenaxe a Neira Vilas ou Manuel María. O de páxinas de Facebook e Twitter de entidades públicas que, pola súa vez, arrastran e xustifican o das redes sociais de restaurantes ou comercios locais. O de festivais ou competicións que poñendo o castelán ao lado, ou sobre (ante, após, ata, baixo, cabo, canda, con, contra, dende, durante, entre, malia, mediante, para, por, segundo, tras…) o galego, queren xustificar a súa internacionalidade. O das bases de concursos de relatos en galego. Ou o dos pregos de condicións para contratacións públicas de servizos que, por lóxica, van ter que ser ofrecidos, activa ou pasivamente, (tamén) en galego. Incluso é o mesmo que o das cartas que nos enviou Ciudadanos nas eleccións, con alternancia de parágrafos en galego e en castelán.
Un bilingüismo case tan prexudicial coma o das rotulacións das oficinas de Facenda ou da Seguridade Social nas que se nos recorda que o galego vai de lado (sempre en cursiva).
Un bilingüismo tan politicamente correcto como enredante, figureiro e secundarizador, do que, sobre todo por estes tres últimos adxectivos, eu estou tan en contra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario