Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 2 de xuño de 2016

CEIP Frian-Teis: Vivimos nun mundo matemático

Xa levo tempo seguindo as noticias que o CEIP Frián-Teis (Vigo) vén deixando no blogue da biblioteca, O lar de Frianciño. Pode que a alguén se lle faga recoñecible o centro pois foi onde se argallou aquela excelente proposta titulada A lingua sabe a pan. Podería suceder que este proxecto fose unha marabillosa casualidade e que, unha vez rematado mesmo se lle virasen as costas á lingua pois oportunidades para isto é o que nos ofrece a Xunta mediante o funesto decreto do plurilingüismo. Mais éste non é o caso, a lingua segue sabendo a un pan gorentoso. Nesta ocasión a protagonista é a matemática e celebramos que, contra vento e marea, se fixera en galego.
Desde que Galileo comentara en Il Sagiatore, que a explicación do mundo estaba escrito na naturaleza en linguaxe matemática, a daquela chamada filosofía natural,  avanzou sobre esta premisa e fíxoo mellor ca nunca en toda a súa historia. En relación coas matemáticas, isto é o que se debe aprender na escola. A importancia das matemáticas como ferramenta para interpretar o mundo. Así, o alumnado de primaria ten que practicar as múltiples destrezas aritméticas que utilizamos e debe comprender cales son as principais figuras xeométricas. É un clásico que esta segunda cuestión sexa unha tortura en moitos libros de texto. Alí aparece un listado dunha chea de figuras xeométricas con toda a súa terminoloxía, unha enmarañada clasificación, fórmulas a esgalla..., en definitiva, algo que podería representar o inferno.
O profesorado do CEIP Frián-Teis, acompañado de toda a comunidade educativa, converteu isto no paraíso. Durante todo o curso, moitas das familias do centro estiveron pescudando en busca de imaxes matemáticas presentes no entorno. Así obtiveron fotografías na propia casa, de sinais de tráfico, referentes ao ámbito deportivo, do tranporte,....En todas elas aparecía a súa mascota, o moucho Frianciño,  e en todas elas podemos abstraer unha figura xeométrica. Tal e como dixo Galileo, vivimos nun mundo matemático. Para comprobármolo basta con percorrer aquí abaixo o traballo que fixeron durante o curso. De certo que moitos outros pais sentirán, como min, unha sana envexa dos que teñen matriculados aos seus fillos nese centro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario