por Xavier Alcalá en La Voz de Galicia:
En datas recentes cumpríanse dous centenarios que deron para moito correr de tinta, mesmo con paixón. Se sometésemos todo o publicado na web (hoxe so existe o que aparece nela) a unha máquina lóxica de captura e agregación, veriamos que Irmandades da Fala e Camilo José Cela son rótulos príncipes. A partir deles, moitas derivas. Compañeiros de La Voz devotos da literatura fixeron ardente defensa de don Camilo, como escritor galego «ata as cachas» (Pousa) e seica maltratado por non escribir na lingua patrimonial do Impaís (Caneiro).
Ben, digamos en principio que a literatura está por cima dos idiomas, aínda que os idiomas condicionen pensamentos e sentimentos. Nin en linguas tan próximas coma o galego e o castelán (galego oriental vasquizado e mozarabizado) se pensa ou se sente da mesma maneira. Digamos tamén, de partida, que non existe o multilingüismo senón a multiglosia. Concluamos que os multiglósicos poden ser equilibrados ou non, conscientes ou cargados de prexuízos.
Negar grandeza universal a La familia de Pascual Duarte ou La colmena sería reflexo de cegueira. Mais é natural lamentar que Los pazos de Ulloa ou Los gozos y las sombras fosen escritos en castelán: o escritor débese á lingua de onde tirou a substancia literaria. Algún xenio con mala conciencia chegou ao límite de «inventar un barallete que facía crer aos que lían en castelán que estaban a ler en galego» (Guerra da Cal sobre o seu admirado Valle-Inclán). Algún escritor «de dereitas» (revise a historia o amigo Caneiro) coma Cunqueiro mantívose firme no galego cando as vacas sagradas lle recomendaban pasarse á lingua de Madrid (Piñeiro sobre o orixinal de Merlín e familia).
Houbo unha etapa heroica para escribir en galego (ata o tardofranquismo, Fernández Oxea a ensinalo clandestinamente pola gramática de Carballo Calero no Club de Amigos da Unesco do Madrid). Mais hoxe o idioma está perfectamente codificado e referenciado, contrastado co portugués consanguíneo e co castelán erosionador (lingua A do sistema diglósico galego). Nesta altura, escoller idioma culto é cousa de querer. Para nada se necesita ser aglota ao estilo irlandés, entregarse a unha lingua «imperial» (de novo, apostila a Caneiro). O importante é o de sempre: ter unha boa historia e contala ben. Véxanse as traxectorias de escritores con orixinal galego coma María Solar, Domingo Villar, Diego Ameixeiras... Logo lles chegan as traducións.
Son os novos tempos. Mentres isto se escribe, un tribunal de científicos está a decidir en Bruxelas se recomenda subvencionar unha investigación da Universidade da Coruña que faría alucinar á propia Pardo Bazán, tan coruñesa e visionaria. Investigadores da UDC traballan sobre o analizador sintáctico universal, a máquina de tradución perfecta: do galego ao húngaro, calquera novela nun par de minutos... Esperemos dalo visto, pois «toda a Terra é dos homes» (Rosalía) con independencia de falas e escritas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario