Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 9 de febreiro de 2018

Unha arca en Buenos Aires

por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de ProLingua:

Conta Isaac Xubín que os irlandeses máis preocupados pola lingua e cultura do seu país son os que viven fóra da República de Irlanda. Ou como din por Belfast, de seguro que diante dunha ben cumprida pinta de retranca, que para ser irlandés hai que ser británico. A narración do capítulo que comprende o século XX galego ocupou millóns de cartas e foi ditada desde cabinas telefónicas a máis de dez mil quilómetros, en comunicación transatlántica. Convén non esquecelo: os países produtores de emigrantes sempre soubemos darlle a benvida á Historia, esa suma de retallos, no nome doutro país. Tampouco nos deixaron outra.



Lembramos coma se fose onte unha noite no centro galego da Colonia Roma, no D.F., no setembro tórrido do 93. Foi cousa de poucos segundos, suficientes porén para abranguer desde outro mundo o noso máis próximo. Acababamos de actuar nun dos teatros da capital azteca, era a hora da cea e sentabamos á mesa do restaurante. Un mozo achégase a min. Magro, longa barba, recoñezo nel o Robinsón que en verdade é. Anica a mirada á altura dos meus ollos e pregunta coa nostalxia do descoñecido. “Fálame de Galicia”. Velaí unha ausencia que me mira desde o fondo dunha arca. Alí gárdase o máis valioso. As escrituras, as sabas de liño, as palabras, algunha ausencia.


Hai ausencias que non pasan por nós e doen coma feridas da alma. “Ausencia quere dicir olvido”, cantan por Cuba. El nunca estivera aquí, pero os ollos reflectíanlle unha illa chovendo. Tamén lle chovía no corazón. E non é doado desfacerse ou só aliviar o peso dunha carga así. Sería por iso que falamos bastante tempo, aínda que non lembro nin unha palabra do que lle dixen. Supoño que nada monumental. Non sei. Pero naquel intre, a miles de quilómetros, fixéronse evidentes para min as verdadeiras dimensións da casa. E reveláronse realmente monumentais. Coma os irlandeses.


***


Sería moi pretensioso intentar pillar nestas liñas sequera parte do valor social, material e histórico que custodian as paredes do edifico da Avda. Belgrano 2199 de Bos Aires. Mais digamos, só por ensaiar a aproximación, Díaz Pardo, Prego de Oliver, Colmeiro, Xulia Minguillón, Castelao, María Carmen Corredoira, Souto, Laxeiro, Maside, Pesqueira Salgado, Luís Seoane. Podiamos seguir a manobra pola pinacoteca, pola escultura, pola edición, polo nome de cada unha das estancias que conforman o Centro Galego da cidade bonaerense. Ou mesmo polo Panteón, esa embaixada da Quintana dos Mortos en Chacarita, que abre as portas cada 25 de xullo -Día de Galicia, din eles- evidenciando que pensar a patria desde a diáspora obriga a compartilo con quen nunca puido volver.


O paseo tería o efecto terapéutico das menciñas que terman do que se nos revelou na adolescencia cun flash que raras veces aluma nos medios galegos actuais. Xa hai palabras definitivas a este respecto; vexan, por exemplo, por Xosé Manuel Maceira ou por Malores Villanueva que cando meteron o noso idioma no gueto da prohibición (hoxe mudárono ao da indiferenza) aí estaba Belgrano 2199 abrindo as portas para que entrase o aire. E nada de miudezas: Sempre en Galiza, A Esmorga, Ao pé do prelo, Galicia no espello, Pensamento e sementeira... Se falamos de valor, o Centro Galego de Buenos Aires tamén é unha arca. Alí foi parar parte do máis valioso para nós cando quedar aquí implicaba poñer en risco a vida. E non só nos referimos a persoas. As escrituras, as sabas de liño, as palabras, e moitas ausencias.


A xestión, esa palabra que colle en todas as arcas, precisamente nas arcas, levaba moito tempo reclamando a súa cota de protagonismo. Así que despois de se acordar a venda do inmoble e do servizo de saúde, os detalles da indignación empezan na imposibilidade de tratarmos de igual a igual co Estado arxentino, ao xeito ecuménico, as especificacións do coidado e conservación de todo ese patrimonio. E ninguén máis o vai facer. Agora non é que estalen os vernices do paraíso perdido. Ou renxa o chan. É que se vén abaixo parte do edificio da nosa historia en América, previo desmantelamento. Sen máis. No entanto, a Xunta de Galicia descoida a nosa mellor herdanza, todo o que podemos e debemos salvar, e olla con rigorosa disciplina contra Cataluña. Parece lóxico que ninguén nesa precariedade que nos mal goberna queira mover un dedo por reanimar o berce de acollida do que un día tivo sentido chamar galeguismo, e contribuíu xa no XXI a arrastrar Fraga fóra da Historia.


Baixo a coroa dun proxecto liquidacionista o goberno galego lexislou contra o noso idioma coa transparencia das augas do Atlántico. Esas leis incluíron tamén pedra ao pescozo ou tiro na caluga. Coma se alguén detrás da porta asexase a virtude no feble fío das nosas vidas, levamos anos sufrindo a lexitimación do oprobio. Agora que acolá Videla xa non tende ao infinito, coma a baraka de Franco (o baleiro tamén sería a súa promesa para as nosas palabras), non nos fagan desaparecer. Non nos guinden á inexistencia. Á ausencia. Ou será outra vez, aló pola Arxentina, tal e como lamentaba aquel personaxe d’O Eternauta, de Oesterheld: “Todos desaparecidos… coma se nunca existiran”. Que non nos vexamos na obriga de toucar a cabeza de pano branco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario