Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 27 de febreiro de 2018

Os idiomas, como a escritura, son unha porta

por Sara Plaza nas Voces de ProLingua:

Aínda non se derretera a neve nas montañas entre as que nacín e vivo, cando na caixiña de correo electrónico agromou a primeira flor. A destinataria dun modesto galano acompañado dun feixe de liñas manuscritas agradecíame o envío, e contra o final da súa mensaxe comentaba:


Encántame a caligrafía que tes e que mandes cartas como se facía non hai moito tempo. Unha cousa que me chamou a atención é que a carta fose en galego, pois sei que es madrileña e que tiveches que aprender o idioma. Escribes moi ben.


Non fixo falla moito máis para arrombar a invernía.


Non coñecía a miña interlocutora, e pensei que talvez fose unha boa idea achegarlle unha breve crónica da miña aprendizaxe en curso.


Conteille que comezara a estudar a súa lingua pola miña conta, despois de levar máis dun ano escribíndolle a un rapaz galego que daquela estaba no cárcere, e a quen tamén non coñecía.


Conteille que cando el puido responderme, logo de tres meses de recibir a miña primeira carta, empregou o castelán e desculpábase polos erros que puidese ter.


Conteille que lle pedín por favor que non cambiase de lingua, que eu buscaría no dicionario as palabras que non dese entendido.


Conteille que tamén lle dixen que eu non podía desculparme polos meus erros en galego porque o descoñecía, e que non era quen de escribir nin unha soa palabra, pois só aprendera dúas, as únicas que el anotara en galego: apertas irmandiñas.


Conteille que meses despois, segundo íamos alicerzando a nosa amizade, decateime de que non abondaba con acudir ao dicionario, porque eu quería saber máis, enxergar sequera algúns dos moitos mundos que cabían na súa terra.


Na segunda mensaxe, a miña interlocutora explicábame que xa sabía que eu lle escribía a un rapaz que estaba na cadea:


Debe ser moi triste, pero creo que podería ser unha bonita novela! Por certo, que decidiras que non cambiase de idioma para falarche seguro que o apreciou moito. Hai moita xente de España (e tamén de Galicia) que pensa que os idiomas rexionais son "peores" ou "inferiores"... (non merecen moito a pena). Eu agora atópome nun instituto un pouco complicado; alí a xente é bastante intolerante, pero por sorte conseguín xuntarme con boas persoas. Igual que procuro ter un galego bo, tamén practico castelán. Son moi aberta a coñecer outras culturas e outros idiomas, penso que é unha falta de respecto non coñecer os sitios que visitas, o sitio onde vives, etc.


Nesta nova oportunidade conteille que non foi doado, no medio da dor, atopar as palabras coas que manifestar a miña solidariedade cun home novo inxustamente preso.


Conteille canto me intimidaban as miradas dos outros, dos que ían ler as miñas cartas antes ca el, e que me abrín paso coa poesía.


Conteille que a honestidade e o cariño da escrita non rebaixan condena, mais erguen pontes.


Conteille que eu nunca imaxinara que ese home novo, agora xa meu amigo, a súa familia, e os amigos que logo faría por Galicia adiante, ían agradecerme tanto o feito de lles pedir que me seguisen a escribir e falar en galego para eu aprender.


Conteille que non pensei que puidese ser doutro xeito: se quería ir descubrindo a súa historia, a súa cultura, as súas paisaxes... tiña que poñerme a estudar e pedir axuda cada vez que dubidase, que adoita ser a miúdo.


Engadín que a intolerancia é un enorme problema, e que eu cría que tiña moitísimo que ver coa ignorancia e co medo. Todos temos prexuízos, díxenlle, trátase de descubrilos para que non sexan eles os que pensen por nós.


Unha semana máis tarde recibín a terceira e derradeira mensaxe:


Non vou responder ao correo que mandaches por aquí, senón por carta. Mañá empezo a traballar nela (quero facelo todo ben). Eu levo algún tempo practicando caligrafía, pois sempre me dixeron (e me din) que escribo moi mal, ata mo dicían as profesoras de pequena, pero eu intento esforzarme para conseguir escribir mellor. Un abrazo moi grande, contactareiche pronto.


A cerna da mellor madeira seguía aí.


A terra paría unha nova primavera.

Ningún comentario:

Publicar un comentario