Uso do galego por idades |
O conto é que o pasado 21/02/18 soltei no Twitter un chío con esta imaxe e o seguinte texto:
Uso do galego por idades ... ou
a política lingüística explicada nunha gráfica
No momento de escribir esta entrada o chío andaba próximo aos 1000 recouchíos, moitos deles procedentes de Cataluña, o cal pon en evidencia a preocupación pola cuestión da lingua que teñen por aquelas lonxitudes. De termos nós un nivel de concienciación semellante, as gráficas que nos describisen terían outras formas.
A gráfica en cuestión está sacada do informe Lingua e sociedade en Galicia. Resumo dos resultados 1992-2016 editado pola RAG ese mesmo día, o 21, co gallo da celebración do Día da Lingua Materna. A Academia denunciaba "un proceso acelerado de monolingüización en castelán, a un ritmo que non prevían os resultados de estudos demolingüísticos previos" e a gráfica da páxina 23 do informe sobre o uso do galego por idades era a que mellor explicaba as consecuencias dunha política lingüística lingüicida.
Alá polo ano 2001 asistira a uns cursos para membros de Equipos de Normalización Lingüística que houbera na Estrada. Estaban organizados pola Dirección Xeral de Política Lingüística e contaban coa colaboración do SNL do concello que daquela tiña como técino a Valentín García, o actual secretario xeral da cousa da lingua. O discurso que se nos presentara era de conformidade e rendición. "As cousas son como son e non poden ser doutra maneira". Lembro, coma se fose hoxe que Anxo Lorenzo, un dos participantes como confenciante, afirmara que "o uso da lingua galega irá descendendo ata o ano 2020" independentemente da política lingüística que se aplicara. A recuperación da vitalidade lingüística nos países cataláns e en Euskadi demostraron xustamente que é precisamente a política lingüística que se aplica o que nos leva por un camiño ou outro. Nós, baixo o sodomizador discurso do bilingüismo harmónico, levamos despois dos 40 ano de dictadura, sofrindo case outros 40 anos de supremacismo coas súas infaustas consecuencias.
A resposta da Xunta a este terrible panorama está ao nivel da que podería dar Groucho Marx nunha das súas películas. A realidade non podería ser máis triste. Agora, o conselleiro de educación anuncia que van elaborar un plan para potenciar o uso do galego entre a mocidade. Agora, despois de levar oito anos excluíndo acotío a lingua galega na escola mediante o funesto decreto de plurilingüismo que desartellou o comenzo dunha viraxe en positivo da política lingüística en Galicia. Vexamos como funciona, xa hoxe, xa desde hai 8 anos, a promoción do uso do galego nas idades máis temperás.
Ademais, cabe destacar que o feito de que o Decreto 79/2010 de plurilingüismo afirme que «na etapa de educación infantil o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado (...)», causará efectos negativos que influirán posteriormente no escaso desenvolvemento da lingua galega entre o alumnado galegofalante, pois, nas aulas en que predomina o castelán como lingua materna, o cumprimento da lei dá lugar a unha perda completa do idioma galego.Quizais o ámbito escolar non sexa suficiente para manter o uso do galego como lingua materna nun contexto tan castelanizado como o estudado por nós (hábitat urbano), pero si o é para educar a nenos e nenas que sexan capaces de familiarizarse co idioma sen desenvolver actitudes negativas cara a el. En cambio, o caso contrario si se dá: o uso do castelán na escola provoca a perda total da súa lingua materna no escaso alumnado galegofalante que hai neste contexto. Xa que logo, consideramos fundamental revisar a distribución das linguas que se está levando a cabo actualmente no ensino.
Está moi claro que os responsables de expulsar á mocidade do uso do galego son os mesmos que agora anuncian medidas homeopáticas para o impulso.
E así todo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario