Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 14 de febreiro de 2018

A Igrexa e a lingua galega en Vigo hoxe

por Xosé-Henrique Costas nas Voces de ProLingua:

En 1963 Xoán XXIII establecera en Paceminterris 97-99 que os gobernantes debían favorecer o uso das linguas dos fieis e nesta liña o Concilio Vaticano II acordou que o latín deixase de ser a lingua opaca da liturxia e que a lingua para falar con Deus fose a lingua propia de cada país.
Na España de mediados da década de 1960, cunha xerarquía católica identificada cun réxime político tiránico e ultracentralista, os bispos da Igrexa galega decidiron en 1965 que a única lingua “vulgar” para falar con Deus sería o español (castelán) e ata 1969 non autorizaron a liturxia en galego, aínda que houbo cregos que usaron o galego.
Na segunda metade da década de 1970, malia a fin do franquismo e a vinda da II Restauración, a igrexa galega teimou no seu anacronismo colonial coa lingua. Para moitos xerarcas o uso da lingua galega estaba asociado a unha determinada ideoloxía e moitos deles foran “educados” nos seminarios no autoodio e desprezo á lingua galega.En 1979 tivo lugar o Concilio Pastoral de Galicia. No apartado V das Conclusións había unha referencia ben clara á Liturxia en galego que dicía expresamente:


11.7. Suposta sempre a dita preparación, a vontade do Concilio é que nas Igrexas das cidades se chegue a celebrar polo menos unha Misa en galego nos días festivos, e o mesmo se diga dos demais Sacramentos, sempre co debido respecto á liberdade dos interesados. Naquelas bisbarras nas que o galego é a única lingua teñen que se chegar a facer en galego tódalas celebracións.


Dous anos despois desta fermosa declaración eu mesmo pasei por unha experiencia que me fixo abrir os ollos ás reticencias de moitos cregos a obedeceren o espírito e a letra dos Concilios e ao desleixo de moitos bispos para aplicaren os acordos recollidos neles: en 1981 quixemos bautizar en galego un meu sobriño cun nome galego tirado daquel libriño dos 400 nomes galegos para homes e mulleres (1977) do P. Xaime Seixas. Ninguén nolo quería bautizar en galego porque alegaban falta de preparación. Ao final tivemos que recorrer ao propio P. Seixas.
De cando en vez lía na prensa artigos ou entrevistas cos xerarcas da igrexa galega e sempre eran en castelán; na casa de meus pais recibíase o boletín que se envía a todas as parroquias de Vigo e -agás media páxina (o 6% do total) en galego- o resto estaba exclusivamente en castelán e en non poucas ocasións coa toponimia e os nomes dos padroeiros deturpados ou castelanizados (*Zamanes, *Sayanes, *Freijeiro, San Mamed, San Pelayo, San José etc.). Isto convencíame de que as xerarquías que se ían sucedendo en Galicia seguían a ser inimigas do noso idioma.
Comprobamos tamén que esta reticencia ao uso oficial do galego nos actos relixiosos non só era nas cidades. Hai seis anos miña muller e eu fomos de padriños dun sobriño nunha parroquia rural 100% galegofalante. O cura falábanos nun galego natural pero chegado o bautizo transformouse e fíxoo todo en castelán. Á saída soubemos que todas as súas misas, funerais etc., eran en castelán, nunha parroquia onde non falaba castelán nin a farmacéutica. Pregunteille aos pais do meniño e dixéronme que o cura cando pon o hábito fala castelán e cando o quita fala galego. Pregunteille ao cura o motivo do non emprego do galego nos ritos naquela contorna galegofalante e a desculpa foi múltipla: “Ninguén me pide nada en galego”. Igual tampouco antes do Concilio Vaticano II moita xente pedía que Deus falase na lingua do pobo. A el e aos demais curas rurais ordenoullo o Concilio pero ninguén lle pediu contas do seu incumprimento.Xa van alá máis de 40 anos desde a aprobación do Concilio Pastoral Galego e as cousas neste sentido están moito peor que hai trinta anos polos incumprimentos reiterados. Por iso chegamos a comprender as palabras de Ramón Lorenzo tiradas do seu discurso de ingreso na RAG[1]:


“A toda esta xente inflexible na propagación do castelán podería aplicarse o que di un documento do mosteiro de Oia do 14 de xaneiro de 1329 (AHN, Carpeta 1825, nº 3): por non cumprir coa lei deberían te-la “maldiçon de Deus padre et de Santa María, sua madre, et de todolos santos” e deberían ir como “fe peiuros aos fogos dos infernos a so o cuu de Yudas”, pois están pecando contra os propios mandamentos eclesiásticos, que lles ordenan utiliza-la lingua de Galicia.”
En Vigo celébranse oficios relixiosos en 52 igrexas. En total celébranse no horario de inverno unhas 662 misas semanais. Segundo a web da diocese de Tui-Vigo, a nós pareceunos raro que de 662 misas semanais só 1 fose en galego, pois, de acordo co aprobado no Concilio Pastoral de Galicia, deberíanse celebrar como mínimo 52 misas semanais en galego, unha por cada igrexa aos domingos, máis logo deberíanse celebrar en galego a maioría das eucaristías nas parroquias rurais viguesas, co que deberiamos ter como mínimo unhas 100 misas semanais en galego.
Coa axuda de varios amigos e familiares comprobamos cantas das 662 misas semanais en Vigo son en galego. Na web do bispado infórmase unicamente dunha misa en galego, pero nós podemos afirmar que son 7 as misas semanais que se celebran en galego en Vigo, (7 de 662, o 1 % !!!). En castelán son a práctica totalidade das celebracións extraordinarias (vodas, bautizos, comuñóns, funerais, festas patronais) sen que se poidan cuantificar o número de actos relixiosos deste tipo en galego.Os actos excepcionais en galego son por pedimento expreso dos fregueses, non por ofrecemento ou suxestión dos párrocos.
Cando lles preguntamos a algunhas persoas practicantes habituais por que pensan que non se fan máis funerais, bautizos, vodas etc., en galego as respostas máis frecuentes son que “o normal” é o castelán porque na igrexa “toda a vida” (sic) foi así; porque pode non lle gustar ao cura; porque seguramente o cura non saberá galego; ou tamén afirman que eles non saberían responder en galego á misa, o que non expresa senón unha total falta de costume.
Resumindo: en Vigo celébranse 7 misas semanais en galego (1% do total) cando segundo o establecido no Concilio Pastoral Galego hai 40 anos se deberían celebrar como mínimo 107 misas semanais en galego (un 16 % do total). Se moitos cregos non ofician actos en galego non é por descoñecemento, é porque están pexados polos prexuízos ideolóxicos e/ou porque os reaccionarios responsables episcopais son irracionalmente reticentes á normalidade da lingua. Na igrexa de Vigo a lingua “divina” segue sendo a foránea, antes a latina agora a castelá, nunca a propia do país: o galego, co que a igrexa galega segue a ser un importantísimo factor social de desgaleguización e castelanización. Aquí temos outro eido máis do bilingüismo cordial, un 1% en galego, cando como mínimo tiña que ser dun 16%, o que para esta xente non deixa de ser un exceso. Non son desta terra e deste tempo.

[1] Lorenzo Vázquez, R. (1999): Reflexións crítico-eruditas e sentimentais sobre a lingua. RAG. [consulta http://realacademiagalega.org/documents/10157/90eb200a-71f4-4160-b6f6-f1c098647dc615/4/2015].

Ningún comentario:

Publicar un comentario