Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 21 de febreiro de 2019

Comunicado Internacional polo Día da Lingua Materna 2019

Declaración da ONU polo Día da Lingua Materna 2019, por primeira vez, en galego:

Día Internacional da Lingua Materna
A lingua, para moitas persoas, é un dos principais marcadores do centro da súa identidade, e a súa dimensión é un trazo humano único que se debe asumir e celebrar, de acordo cun experto en dereitos humanos da ONU.
«É unha ligazón esencial co noso pasado, o vínculo principal das nosas culturas, e a ferramenta básica para comunicármonos e compartir coñecementos, lembranzas e historia», dixo Fernand de Varennes, un experto en dereitos humanos da ONU a respecto dos dereitos humanos das minorías, nunha declaración para marcar o Día Internacional da Lingua Materna do 21 de febreiro tamén en 2019 como Día Internacional das Linguas Indíxenas da ONU.
O Relator Especial indicou que os «problemas lingüísticos, con frecuencia, implican importantes dereitos humanos que afectan tanto a minorías como a pobos indíxenas alén dos temas puramente lingüísticos e culturais». Indicou que o idioma tamén é poder, e a ausencia de formación nas linguas minoritarias e indíxenas ou o seu uso por parte das autoridades estatais ten sido un factor activo na súa exclusión e incluso no seu menosprezo.
«Como parte da celebración da riqueza e beleza do tecido lingüístico mundial, é imprescindíbel apartármonos da ideoloxía de que as sociedades e estados deben ter só unha lingua e excluíren todas as demais, cando isto entra en conflito cos dereitos lingüísticos das minorías e dos pobos indíxenas. Polo tanto, o Día Internacional da Lingua Materna é unha oportunidade para promover e celebrar a diversidade lingüística e cultural, e para recoñecer e protexer os dereitos humanos das minorías e pobos indíxenas en relación coas linguas».
A lingua e a educación tamén centrarán o Foro das Nacións Unidas sobre Cuestións das Minorías de 2019, e próximos foros locais organizados baixo o mandato do Relator Especial da ONU Fernand de Varennes.
FIN

O Dr. Fernand de Varennes, Relator Especial da ONU para cuestións das minorías, é Profesor Extraordinario na Facultade de Dereito da Universidade de Pretoria, en Suráfrica, Profesor Visitante Cheng Yu Tung da Facultade de Dereito da Universidade de Hong Kong e Profesor Visitante do Centro Irlandés dos Dereitos Humanos na Universidade Nacional de Irlanda-Galway. É un dos principais expertos mundiais sobre os dereitos das minorías no dereito internacional, con máis de 200 publicacións nunhas 30 linguas.
Os Relatores Especiais forman parte do que se coñecen como Procedementos Especiais do Consello de Dereitos Humanos. Os Procedementos Especiais, o maior organismo de expertos independentes do sistema de Dereitos Humanos da ONU, e o nome xeral dos mecanismos independentes do Consello sobre investigación e seguimento que atenden a situacións específicas de países ou problemas temáticos en calquera parte do mundo. Os expertos de Procedementos Especiais traballan de xeito voluntario; non son persoal da ONU nin cobran un soldo polo seu traballo. Son independentes de calquera goberno ou organización e traballan a título individual.
Para obter máis información ou para solicitudes da prensa, póñase en contacto con: Mr. Damianos Serefidis (+41 79 500 0032; dserefidis@ohchr.org). Para obter máis información sobre as súas competencias, por favor consulte www.ohchr.org/en/issues/minorities/srminorities/

Ningún comentario:

Publicar un comentario