Estes 7 rapaces que explican cal é a súa lingua materna, pero que tamén falan en galego son do IES nº 1 de Ribeira. Eles deben saber que viven nun concello que insulta acotío á nosa lingua españolizando por todas partes o nome do concello, en contra de toda lei e do mínimo respecto á nosa tradición e ao coñecemento filolóxico.
Tamén é moi triste o papel que xoga a Consellería de Educación en todo este tema. Hai algún plan para o acollemento de estranxeiros? Ou quizais o único plan sexa o que prevé a exención da lingua galega, a única materia para a que se considera incapacitados aos que veñen de fóra. Teño visto en primeira persoa rapaces chegados de Portugal, e que fican dispensados na materia que está en mellor disposición de contribuir á súa integración.
No vídeo comprobamos que temos o alumnado estranxeiro, que tamén está o profesorado implicado no acollemento na nosa lingua, e os compañeiros deses rapaces que, de certo, serán o mellor acompañamento lingüístico. Porén o que non temos é a Administración que se una a este labor. Máis ben está do outro lado, do da exclusión e da negación da lingua de noso. Alguén dubidará aínda que estamos gobernados por un grupo de radicais?
Vía ProLingua
Ningún comentario:
Publicar un comentario