Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 25 de decembro de 2021

Do ensino en galego e o 25


 por Marilar Aleixandre en Nós Diario:

Coñecen algunha escola galega na que se imparta en castelán unicamente o 25 por cento das materias? Se as hai, son minoría. Os efectos do decreto de trilingüismo de 2010 son letais para o galego. Moitos anos como profesora, en secundaria e na universidade, como investigadora das aprendizaxes no interior das aulas, permiten afirmar que o ensino en galego non é o 75%. Estudos, como o da RAG e o Concello de Ames, dirixido por Henrique Monteagudo, mostran o devalo no uso da lingua, concluíndo que a escola é un medio hostil para as rapazas e rapaces galegofalantes.

 

A experiencia desde o primeiro decreto de 1982 sobre o ensino do galego e en galego é de loita continuada. A historia é coñecida, antes unha minoría de docentes de primaria e secundaria impartiamos clases –eu de bioloxía– en galego; aínda despois da morte do ditador, foron represaliados por facelo, en 1981 Pepa Baamonde e Xosé Manuel Penas Patiño, en 1983 Pilar García Negro, quen afirmou que "pasamos de seren alegais a seren ilegais". Para as nais e pais conseguir que as criaturas reciban ensino en galego é unha carreira de obstáculos.

 

Daquela, o rebumbio que está armando a dereita co caso de Canet resultaría un exemplo de ignorar a Constitución, se non o fose de cinismo. Recomendo o fío en Twitter da xurista Alba Nogueira sobre inmersión e lingua vehicular: o que se establece é que a educación debe garantir a competencia nas dúas linguas cooficiais. Ora ben, os estudos, os datos, mostran que os resultados para o castelán en Cataluña son mellores que a media do Estado, mellores que en moitas comunidades cunha soa lingua, castelán. Sinalemos que en Galicia son aínda superiores. En canto ao que non está regulado constitucionalmente, Nogueira enumera que as familias non teñen dereito á escolla da lingua, que non hai porcentaxes de docencia para o castelán, ou que o Estado non pode exercer as competencias educativas substituíndo as autonomías.

 

 

Mais estamos asistindo a unha batalla na que a dereita, utilizando os tribunais, pretende usurpar a competencia lexislativa que só corresponde ao parlamento. O Estado ratificou –gobernando Aznar– a Carta Europea das linguas, comprometéndose a garantir a inmersión nas linguas cooficiais nos seus territorios.

 

Cando denunciarán estes partidos da dereita o incumprimento dos decretos en Galicia, en detrimento do galego? Por que non defenden as nenas e nenos de Brión, de Fisterra, de Vilalba?

Ningún comentario:

Publicar un comentario