Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 4 de decembro de 2021

O córnico, un idioma que resucita?

 


por Xosé María Lema no Nós Diario:

Na entrevista en Nós Diario do pasado día 16, Davyth Hicks, de Cornualla (R.U.), secretario xeral da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN nas súas siglas en inglés), describía a grave situación do idioma propio do seu país, aínda que deixaba entrever certa airexa de esperanza. Isto tróuxome á memoria a placa de Zennor, que motivara que anos atrás publicase unha serie de artigos sobre a lingua córnica que refundín no recente libro Pola nosa lingua. Unha década de artigos en defensa do galego (2021) co título “Cómpre mirarnos no espello do idioma córnico”.

 

Segundo a historia de Cornualla, a súa lingua celta puidera resistir a presión do inglés ata mediados do séc. XVI; mais, a raíz da ruptura do rei inglés Henrique VIII co papa coa promulgación da Acta de Supremacía (1534), a Igrexa de Inglaterra ordenou a lectura da Biblia en inglés nas igrexas en substitución do latín, tamén nas córnicas. En 1549, con Eduardo VI, imponse a Act of Uniformity ('Acta de Uniformización'), xunto co Book of Common Prayer ('Libro da Oración Común'), que supoñía o uso obrigatorio do inglés nos rezos e na liturxia. Os córnicos, cos seus clérigos á fronte, chegaron a defender a súa lingua coas armas, pero foron derrotados e os ingleses iniciaron decontado a pacification of Cornwall, que lembra moito a "doma e castración" do reino de Galicia polos Reis Católicos, anterior no tempo. O País de Gales tamén se resistiu, pero o seu idioma non foi tan maltratado polos ingleses; para a súa supervivencia foi clave a tradución da Biblia ó galés por William Morgan (1588).

 

Ó contrario do que aconteceu con outra lingua celta británica, a galesa (que non foi tan maltratada), a Igrexa Anglicana non traduciu ó córnico nin a Biblia nin outros libros litúrxicos. A imposición do inglés acabaría triunfando, e a fala córnica caeu en picado en pouco máis dun século: contra o 1600 había uns vinte mil falantes, e só cinco mil en 1700. Mesmo se lle puxo unha data ó seu enterro: 1777, ano en que finou a súa última falante monolingüe coñecida, Dolly Pentreath, veciña da vila mariñeira de Mousehole.

 

A placa de Zennor Hai dez anos, o 25-08-2011, guiados por Manuel Vilar -actual director do Museo do Pobo Galego-, estabamos preto de cincuenta viaxeiros galegos de visita na pequena igrexa da aldea de Zennor, na costa norte córnica. Ademais da lendaria Cadeira da Serea do seu interior, de 600 anos de antigüidade, acaroada a un dos seus muros exteriores esta igrexiña tiña unha sinxela placa de mármore do ano 1930 escrita en inglés en memoria dos Davey, pai e fillo, as derradeiras persoas do séc. XIX que tiñan “un coñecemento notable da lingua córnica”. Tiñan coñecemento, ollo, pero xa non o sabían falar (véxase o tradución completa na p. 95 da obra antes citada).

 

Cando a estabamos ollando, un veciño da aldea achegouse, e, ao dicirlle que eramos galegos o seu interese aumentou, pois deu a casualidade de que se trataba de Mr. Nigel Hicks, membro dun activo movemento que, con moito esforzo, estaba tratando de "resucitar" (sic) o seu idioma propio a partir de documentos antigos e mediante as analoxías estruturais co galés e co bretón, os seus parentes máis próximos. Díxonos con orgullo que en Kernow -nome córnico de Cornualla- xa había unhas 300 persoas -a poboación total anda polos 500.000 hab- que podían manter unha conversa fluída neste ancestral idioma, quizais o máis antigo de Inglaterra.

 

Os viaxeiros tivemos así o privilexio de escoitar unhas palabras en córnico dos labios de Mr. Hicks, que ademais era membro do Comité Europeo para as linguas minorizadas. Nós correspondémoslle cuns versos de Rosalía. Nigel Hicks envexaba a situación da nosa lingua, ben máis viva cá súa, desde logo, que no Euromosaic de 1996 ocupaba o derradeiro lugar dos 48 grupos lingüísticos da UE con só un punto dos 28 posibles (o galego ocupaba –polo menos nesa data- un aceptable 5º posto con 21 puntos). Por vergonza, non lle falamos das medidas desprotectoras e mesmo agresivas que o “noso” Goberno autonómico decretara o ano anterior contra a lingua do seu país. Non o daría entendido.

 

Resurrección dunha lingua? Por iso foi para min unha agradable sorpresa que na citada entrevista de Nós Diario Davyth Hicks -que algún parentesco debe ter co noso interlocutor de dez anos atrás- estime que xa son da orde de 800 a 1.000 as persoas que agora son quen de falar córnico. Aínda que pouco a pouco, o número vai aumentando e van resucitando un idioma que se cría perdido hai xa máis de 200 anos. Unha raiola de esperanza. O meu artigo remataba con este epígrafe: "Como se valora un ben cando se perde!" A situación do galego é infinitamente mellor que a do córnico, sen dúbida, pero baixar a garda pode ser letal. A sociedade galega -e a Xunta de Galicia!!- terá que reaccionar para non ter que inaugurar no futuro, con mágoa, e, sobre todo, con moita vergonza, unha placa como a de Zennor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario