Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 29 de decembro de 2021

Calar e tragar. A familia de Canet e as familias de aquí

 


por Manuel Rodríguez Carnota en Terra e Tempo:

Non hai moito tempo unha xove profesora da Universidade da Coruña programou un experimento co seu alumnado da Facultade de Educación. As e os futuros mestres habían participar nunha experiencia chamada de “travestismo lingüístico”. Mozas e mozos, castelanfalantes de ambiente urbano ou semiurbano, debían someterse á proba de falaren en galego con normalidade as vinte e catro horas do día durante unha semana, fose quen fose o seu interlocutor. Nunca os participantes deberían revelar a causa da súa nova conduta. Era falar galego porque si, e a ver que pasa.

 

E que pasou? Se vostede é galega ou galego non lle será difícil imaxinalo. Ao lado de certos resultados positivos e de familias que secundaron o neofalante experimental na súa mudanza de lingua, houbo dificultades, moitas e serias. Para comezar, non todos e todas as mozas foron capaces de cumprir o seu compromiso debido á súa falta de competencia. Algúns non sabían falar galego o suficiente como para manterse máis dunhas horas nesa lingua. Un dos grandísimos obxectivos do sistema educativo galego, o de formar persoas que se desenvolvan igualmente nas dúas linguas, foi posto en dolorosa evidencia. Primeiro fracaso.

 

Alén diso, os rapaces e as raparigas convertéronse en persoas conscientes do duro que é falar galego con normalidade en Galiza, pois tiveron que aturar lindezas de todo tipo. Aquí entran as consabidas peticións de amizades e familiares para que, por delicadeza, parasen de falar en galego. Ou as típicas preguntas de “si hay alguien que te presiona” ou se “tuviste una conferencia del Bloque en clase”. Ou as afirmacións inmisericordiosas de que “te lavaron el cerebro”, ou as repetidas valoracións de “paleta” e “gañana” vertidas sobre a neofalante. Ou, simple e sinxelamente, a simpática afirmación de que “pareces aún más tonto hablando en gallego”. Quizá por primeira vez na súa vida, rapaces e raparigas foron conscientes do significado da palabra glotofobia. Bastoulles abrir a boca para que o estigma secular de falar en galego lles batese no fociño até lles facer sangue.

 

Salvo honrosas e comprometidas excepcións, a escola galega —sabémolo todos— non está a funcionar para reparar ese estigma. Cada nova pesquisa que sae á luz debuxa un panorama máis dramático con respecto á lingua. Descríbense os centros escolares como lugares onde as e os pequenos galegofalantes van perder o seu idioma. Revélanse ataques verbais a alumnos galegofalantes por parte doutros alumnos ou de profesores en escolas e institutos. Certifícase o feito de que as escasas horas que a lexislación delimita para o ensino en galego son na realidade moitas menos das que legalmente corresponde. Por todos lados saen testemuños sobre profesores e profesoras que deberan estar dando a súa clase en galego e dana en castelán. E non pasa nada. Hai investigacións que describen a existencia de profesorado deste tipo, reticente ao galego, que recorre á estrataxema de someter a votación a cuestión do idioma da súa materia entre o seu alumnado. O democrático resultado, doadamente previsíbel entre alumnos castelanfalantes, é o que imaxinan: clase en castelán, seguindo a máxima do mínimo esforzo. O alumnado, convertido en cómplice dunha ilegalidade. Mais... todo o alumnado? Non, porque os poucos que votan a man alzada pola clase en galego quedan chafados. E sinalados. E calados. “Nós calábamos e íamos co conto para a casa”, confesa unha exalumna. Á casa, onde os pais e nais prefiren tamén calar e non remexer demasiado, non vai ser que, á fin de contas, os que saian prexudicados vaian ser os seus fillos. E segue sen pasar nada.

 

Tragar e seguir falando en castelán é a opción escollida por quen quixese falar en galego no instituto e non se atreve debido a mordaces comentarios do estilo dos xa descritos no parágrafo tres. “Cando es maior aínda te defendes máis. Pero a esa idade, ti que fas? Tragar!”. Calar e tragar. Tragar e calar sen que haxa ninguén importante que poña negro sobre branco toda esta ignominia. A lingua atacada neste caso non é o castelán, nin os atacantes son malvados nacionalistas cataláns, nin se trata de tirar réditos electorais da paixón uniformizadora. Calar e tragar, fóra de todo rebumbio mediático. Fóra de todo foco, o noso idioma languidece entre a mocidade e entre o resto.

 

Eu, que creo que este partido ímolo gañar aínda que vaiamos perdendo catro a cero, creo tamén que é necesario sacar á luz todo isto, aínda que só sexa para termos unha imaxe máis afinada de nós mesmos, aquí e agora. E de quen nos goberna, claro, e das súas intencións. E de quen nos nega e nos condena. E de quen lle dá relevo ao que disque pasa noutros lugares mentres silencia a nosa propia traxedia. Os nosos medios sempre serán artesanais comparados coa artillaría pesada da que outros gozan. Mais aínda seguimos aquí, a aturar tempestades de silencio. De momento, iso de aturar sabémolo facer bastante ben.

Ningún comentario:

Publicar un comentario