Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 10 de decembro de 2021

Vivir en galego: unha batalla diaria

 


por María Obelleiro en Nós Diario:

Os dereitos lingüísticos dunha catalá de Palamós, dunha vasca de Tolosa ou dunha galega de Redondela non son os mesmos que os dunha española de Almendralejo, de Diosleguarde ou do Pozo do Tío Raimundo. As segundas teñen a posibilidade de vivir os 365 días do ano no idioma que é de seu, de recibir o ensino na lingua que lles é propia e de relacionarse coas Administracións na fala herdada xeración tras xeración. Porén, as primeiras estamos privadas de empregar o noso idioma en múltiples esferas da vida social, converténdose o seu uso normal nunha batalla diaria contra o supremacismo españolista avalado pola lexislación.

  

As limitacións do uso do catalán, euskera e galego na Lei de audiovisual que tramita o Goberno do Estado é outro exemplo diso. A proposta do Executivo de Sánchez exclúe estes tres idiomas da programación de plataformas como Amazon Prime, HBOMax ou Netflix e reduce o seu uso a 6% naquelas producións elaboradas por compañías con sede social no Estado español. A iniciativa chega após comprometerse as autoridades estatais a fixaren unha porcentaxe mínima para as linguas diferentes ao español e cando na Galiza o Parlamento aprobou por unanimidade unha Iniciativa Lexislativa Popular, apoiada por máis de 35.000 sinaturas, para que a lei “recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán".

 

A desigualdade lingüística está fixada no edificio lexislativo español. A Constitución de 1978, a mesma que o groso das forzas que apoian a exclusión para catalán, euskera e galego van homenaxear este 6 de decembro, estabelece o dereito e o deber de coñecer o español para toda a cidadanía do Estado, mais non recoñece esa obriga para as outras linguas oficiais. Esta desigualdade ficou patente en xullo de 1986, cando o Constitucional ditou unha sentenza contra o galego a raíz dun recurso promovido por Domingo García-Sabell. Parafraseando un celebrado ensaio sociolingüístico publicado por Francisco Rodríguez a finais dos anos 70, esta é a filosofía lingüística da Constitución española.

Ningún comentario:

Publicar un comentario