Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 26 de decembro de 2021

O dereito a vivirmos en galego

 


por Xoán Antón Pérez Lema en El Correo Gallego:

A lóxica do Estado español é beneficiar ao castelán e limitar o galego e, tamén, ao euskera e ao catalán, malia que nestes dous casos cadanseu Poder autonómico compensa, nunha pequena parte, a abafante omnipresenza do castelán na Administración de Xustiza, no mundo empresarial, na publicidade e na comunicación e fición audiovisuais. Unha desaquelada desproporcionalidade, tendo en conta que somos un País no que sabemos falar galego o 89%, mentres un 53,3% aínda fala só ou nomeadamente galego e só o 24% fala sempre castelán.
 
O problema de base xurídica é que a Constitución só recoñece o deber xeral de coñecer o castelán. Mesmo o Tribunal Constitucional declarou inconstitucional no 1986 a obriga de coñecer o galego, euskera e catalán recoñecida en cadansúas leis de normalización lingüística. O mesmo Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo foron minorizando estas linguas cooficiais, impedindo que fosen de uso preferente e esixindo na práctica un uso subordinado e minorizado ao do castelán.

Xuices e fiscais poden exercer na Galicia sen coñecer o galego (velaí porque nun país con eses níveis de uso da nosa lingua só o 6-7% das sentenzas redáctanse en galego), mentres algúns médicos apelan a un suposto dereito á ignorancia que prexudica gravemente a relación coa persoa doente. 

Son lexislacións, xuriprudencias e políticas baseadas na idea dunha España monolingüe na que as outras linguas constitúen unha incomodidade. Mesmo hai xente no centro peninsular que pensa que falamos galego (ou catalán) por amolar. E esta idea proxéctase nas persoas que veñen traballar a Galicia dende Hispanoamérica ou territorios monolingües do Estado.

Hai poucos días, o porteiro de orixe mesetaria dun local de lecer nocturno dunha cidade galega espetáballe a dous meus amigos que presentaban o pasaporte covid “estamos en España y en España sólo se habla español”. Tamén hai poucos días unha mandadeira de orixe hispanoamericana, con varios anos de exercicio laboral na capital de Galicia, espetáballe a unha clienta logo de lle entregar o pedido “no me hables gallego que no te entiendo...”. Unha vez máis os preconceitos xerados en Madrid que se proxectan nas mentes de milleiros.

Para que se respecte o noso dereito de vivirmos en galego todas as persoas que aquí residen e traballan, cando menos, haberían amosar unha comprensión pasiva da nosa lingua. Mudar de código lingüístico é razoábel cos turistas e transeúntes, mais non se xustifica coas persoas residentes.

As persoas intelixentes ollan sempre para a lúa e non para o dedo que a sinala. No Estado español a lingua A, a privilexiada, é o castelán. Que o balbordo non nos confunda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario