por Xosé Henrique Costas, no Nós Diario:
Neste 2023 amoréanse as conmemoracións de feitos sobranceiros na nosa cultura: fanse cen anos da fundación da Irmandade Nacionalista de Vigo, con Manuel Antonio de motor e leme daquel pailebote de ilusión; cen anos máis do pasamento de Murguía, soñador da Real Academia Galega (RAG) e artífice da nosa historia enxergada desde nós; e por riba fanse outros cen da fundación do Seminario de Estudos Galegos, o SEG eliminado polo franquismo, para cuxo aniversario Xunta, Consello da Cultura e universidades anuncian diversos actos conmemorativos.A isto engádeselle que as Letras Galegas deste ano están dedicadas a ese exemplar “obreiro do galeguismo” que foi D. Paco del Riego –o noso “Xoán XXIII” –, pois con el chegou aire fresco a unha RAG nifosa. Moi vencellada a D. Paco, cúmprense 60 anos da creación desa gran biblioteca nacional galega que é a Fundación Penzol, e esta semana xa se inaugurou unha exposición fermosa e patriótica deste acontecemento.
Tamén se fan 40 anos da aprobación por unanimidade da Lei de Normalización Lingüística de Galicia, norma esmiolada polo Tribunal Constitucional e moi deficientemente aplicada polos sucesivos gobernos –agás na época do bipartito–, que debía ser a cerna da revitalización do idioma nos diferentes eidos sociais.
A lembranza da figura senlleira de Murguía principiou o día 2 na Coruña e continuou en Santiago e Padrón (por certo, inexplicable a ausencia de Henrique Rabuñal). Non deixamos de nos abraiar lendo as hipócritas declaracións dos verdugos do idioma nestes actos. É que a cortesía institucional implica o consentimento e aceptación do lingüicidio perpetrado pola Xunta? Non hai ninguén neses actos que diga nada?
Os lingüicidas, e os que consenten que a lingua se esborralle nas escolas, tamén os veremos este ano a louvaren a figura ciclópea de D. Paco, a profanaren a súa memoria, a súa idea dunha nación culta e dunha lingua con futuro. Botaranlles ducias de loureiros aos fundadores do SEG e volverán depositar flores na tumba de Castelao ou Rosalía ao mesmo tempo que as nosas fillas na Coruña só reciben en galego a materia de Lingua Galega, ou que os nosos cativos en Vigo perden a lingua da casa despois de tres meses de aulas por non teren ningunha escola que lles garanta o idioma do país. E todos felices?
Sen conmemoracións
Non lin nin ouvín nada sobre conmemoracións oficiais dos 40 anos da entrada en vigor da LNL. Se cadra xa hai abondas celebracións este ano. Ou se cadra unha análise rigorosa da LNL deitaría luz sobre que se puido aproveitar esta lei e non se quixo facer porque non houbo nin hai vontade política. Certo é que ao abeiro desta lei houbo tímidos avances, e en 2004 mesmo se aprobou por unanimidade un Plan xeral de normalización lingüística elaborado durante anos por 200 especialistas e ignorado logo con prepotencia polos gobernos de Feixoo. Cunha LNL desaproveitada, o retroceso social do idioma nestes 40 anos foi implacable e, coa política lingüística da Xunta actual e a pasividade caladiña de certa intelectualidade galega, imparable.
"Biligüismo bueniño"
Nun país normal, despois de 40 anos cumpriría unha actualización desta norma. Daquela eu pediría unha cousa: que se suprima o artigo 13.3: “Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón de lingua. Tamén se evitará a separación en aulas diferentes”, porque se demostrou letal para a lingua e antagónico co 13.1. “Os nenos teñen dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna”.Para lles garantirmos aos nosos pequenos o dereito a un ensino e a primeira socialización na súa lingua, non os podemos deixar “diluír lingüisticamente” nas contornas onde o castelán é a lingua única/maioritaria. Todos coñecemos centos de casos de crianzas que abandonan o galego aos poucos meses de escolarización. O sistema actual de “bilingüismo bueniño” non garante a conservación nin a adquisición fluída do idioma nos nosos fillos. A LNL quere revisada.
Isto que pido non é ningunha arroutada, é o que lle vén pedindo o Consello de Europa á Xunta desde hai 25 anos: garantir un ensino na lingua minorizada para quen o desexe.
Mais a LNL tamén é medios, sanidade, xustiza, empresa administración... Interesa falar da LNL? Ou todo se nos irá en centenarios, fotos, inauguracións, sorrisos e discursos quedabéns de ganchete dos verdugos do idioma que, coma sempre, fagocitarán mediaticamente a iniciativa, o esforzo e a ilusión patriótica de tanta xente que cre no país? Falamos da LNL ou non convén?
Ningún comentario:
Publicar un comentario