Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 11 de marzo de 2023

En perigo

 


por Francisco Rodríguez en Nós Diario:

En ambientes con conciencia lingüística é notoria a preocupación por as enquisas e a propia experiencia detectaren un retroceso acelerado dos usos do galego nos últimos anos. Hai un sector importante que pensa que unha reintegración da normativa na do portugués sería un antídoto infalíbel para combater este devalar. Convertería o galego nunha lingua de dimensión internacional e constituiría unha eficaz defensa para manternos afastados da mímese do español e das súas perturbadoras consecuencias.

 

Consideramos que é unha medida necesaria esta aproximación e confluencia, ao fin. Porén, non a consideramos suficiente se non vai acompañada dun proceso de debate continuo e claro e de mobilización popular sobre o papel central da lingua para a nosa continuidade como pobo galego que pretende ser existente.

 

Noutras palabras, se non subliñamos o seu papel como elemento de identificación consciente coa realidade do país e de cohesión social para enunciar obxectivos que, modificando as condicións do presente, xeren expectativas de futuro. Forma parte, pois, dun obxectivo socio-político de grande alcance.

 

Ten a ver co noso papel no estado español, e en especial coa mudanza da nosa función dependente e subordinada nel, que, de forma tan sintomática, os usos lingüísticos na Galiza ilustran. Naturalmente falamos, non só, pero tamén, de mudanzas políticas, incluídas as de curto prazo. Son necesarias, porén non serán suficientes, entre outras cousas, pola angosta legalidade e polos anos de hostilidade oficial desde dentro tamén.

 

Queremos dicir que se necesita, en todo caso, un corpo social en disposición de se mobilizar a favor dunha política lingüística que teña, como preocupación, tirar a lingua do país da prostración e retroceso social en que se atopa. Calquera goberno con mínima disposición a asumila vaino necesitar. Só dunha osmose así sairán avances sociais e institucionais para o idioma.

 

O papel do idioma e a cultura galega son centrais para existencia de Galiza como pobo, como nación diferente. Neste sentido, o nacionalismo galego, como o catalán, é lingüístico e cultural, non étnico, se ben tamén é económico, en particular a favor das clases populares, polo papel colonial, ben á vista, que desempeñamos.

 

Como lóxico resultado da nosa experiencia histórica, falta moito para encamiñar a sociedade galega por un vieiro que a faga responsabilizarse de si e ser consciente dos seus intereses. Hai quen se comprace en negala, desde dentro, facilitando así unha política estatal que, hoxe por hoxe, ten entre os seus propósitos nada ocultos favorecer a asimilación e desaparición dos idiomas que non son o español.

 

Hai uns días, Jordi Pujol demandaba unha gran mobilización popular e xeral para salvar o catalán, que considera en perigo, polos ataques do Estado e a mentalidade de ocupante e conquistador non desaparecida nunha parte da poboación, sen obviar o feito de persoas que saben e poden falar catalán acabaren optando polo español na vida social, cando menos. A nosa situación é máis fráxil aínda. Aquí o debate e a mobilización son aínda máis necesarias; a urxencia por acadar uns mínimos de respecto máis premente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario