Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 4 de marzo de 2023

En lingua castelá?


 por Marta Dacosta no Nós Diario:

Leo o anuncio do I Premio Dona Urraca de Novela Histórica, unha loábel iniciativa, pois, como sabemos, ás veces cómpre incentivar a produción literaria desde un punto de vista de xénero, literario e non só, de perspectiva e mesmo de temática. E apoiar a creación literaria dirixida a visibilizar e recrear as nosas mulleres na historia é desde logo un obxectivo necesario que merece o noso aplauso.

 

Mais esta proposta da Editorial Guiverny, dirixida pola escritora Belén Fortes, colaboradora de La Voz de Galicia entre outros medios e autora de tres libros de poesía en español, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra (que ten como cometido nomear unha das persoas que integran o xurado) obvia a nosa realidade lingüística e recolle nas súas bases que ao premio poderán concorrer orixinais “en lingua castelá ou galega”. Esta equidistancia, esta aparente igualdade de oportunidades é desde logo un balde de auga conxelada para unha iniciativa que prometía outras expectativas.

 

 

Convocar un certame literario en que as obras compitan entre si escritas “en lingua castelá ou galega” é unha forma de negar a realidade. A realidade de que en Galiza hai un conflito lingüístico, que estamos nunha situación de diglosia en que a lingua propia das galegas e os galegos segue a ser a lingua minorizada, en que os prexuízos de sempre non só están vivos, senón que se acrecentan con novas modalidades (falabamos o outro día da lingua e a ciencia).

 

Unha realidade en que as estatísticas nos devolven unha liña de tendencia descendente no uso da nosa lingua, porque infancia e mocidade, principalmente ,reciben unha constante “presión desgaleguizadora”, tal e como advertía a RAG neste día da Lingua Materna.

 

A nosa lingua reclámanos outras decisións, por exemplo a adoptada polo equipo de Cultura da Deputación da Coruña, dirixido por Goretti Sanmartín, que separou a convocatoria do Torrente Ballester en dous premios, de maneira que se garantise que a nosa lingua fose unha lingua de premio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario