por Marta Dacosta en Nós Diario:
O PP xa nos ten afeitas a declarar unha cousa e facer outra, moi especialmente no ámbito da lingua. É o que fixo nestes 40 anos de Lei de Normalización Lingüística.
Desta volta foi o único partido do Parlamento Galego en non asinar a proposta da Mesa en prol da oficialidade do galego na UE. Tampouco asinaron os presidentes das Deputacións que goberna, cousa que si fixeron as Deputacións da Coruña e Lugo e as tres universidades, por citar soamente institucións. Aducen para xustificar a súa negativa que é para que non se instrumentalice a lingua. Porén, a realidade é que cando todos, diferentes institucións e partidos, asinan e apoian o mesmo, quen realmente instrumentaliza é quen se nega, así o partido que nos goberna. É o PP quen instrumentaliza a lingua para mantela como lingua B, negándolle ao galego, lingua propia de Galiza, a posibilidade de ter o mesmo status có español, lingua imposta neste país. O PP está a afondar na diglosia, e por moitos eufemismos que tire da manga, o seu obxectivo é claro nos resultados: reducir o uso da lingua de noso. As probas tenas o IGE e o DOG tamén, lembremos o Decreto que reduce a presenza da nosa lingua no ensino, de 2010.
No entanto, esfórzanse por ter unha imaxe dialogante e moderna nas redes, especialmente nesta fase de riquiñismo preelectoral. Velaí os vídeos de Rueda no TikTok. Ou as fotos no Instagram de conselleiros, directores xerais, o responsábel de cultura do partido. Moitas persoas pensarán ao velas que efectivamente son uns demócratas defensores do galego. Antonte mesmo, apareceume no Instagram a imaxe do responsábel de Cultura no PP ao lado do presidente da Mesa. O comentario que fai é que foi un encontro edificante. E punto. Non nos conta que lle entregaron o informe da Liña do Galego ou que lle reclamaron o cumprimento da #IniciativaXabarín. Iso non. Non queda ben no Instagram.
Riquiñismo glotófago: relativo a quen se fai fotos riquiñas, mentres actúa dando a entender que o galego é unha lingua inferior.
Ningún comentario:
Publicar un comentario