Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 16 de xaneiro de 2017

En galego é de xustiza

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:

A Constitución española non recoñece a igualdade xurídica entre galego e castelán; só é obrigatorio o coñecemento do segundo. A Lei Orgánica do Poder Xudicial confire ao galego un rango subordinado: podémolo usar os avogados, partes e peritos, mais só poden usalo os xuíces se ningunha parte alega indefensión por descoñecemento. Na provisión das prazas xudiciais na Galicia o galego non pasa de ser mérito pouco valorado, no canto de obriga. Non faltan avogados de despachos foráneos que conseguen que o xuízo se desenvolva en castelán baixo ameaza de pedir tradución. Velaí que moitos profesionais acodan ao castelán para evitaren dilacións aos xusticiábeis.

A normalización do uso do galego nas Administracións locais e da Xunta de Galicia e a súa presenza social fan evidente a anormalidade do que está a pasar na Administración de Xustiza, onde só o 10% das actuacións xudiciais e o 5% das sentenzas usan da lingua propia. Anormalidade que atenta contra os dereitos lingüísticos dos xusticiábeis, que só terán liberdade real de opción lingüística cando xuíces e funcionarios coñezan ben a nosa lingua.

Velaí que cumpran reformas lexislativas urxentes, como a obrigatoriedade do coñecemento do idioma para acceder ás prazas en Galicia de xuíces, maxistrados, letrados e funcionarios da Administración de Xustiza ou a transferencia á Xunta do Corpo de Letrados desta Administración.
Mentres, cómpre reprobar ás Institucións por tolerar pasivamente esta anormalidade, nomeadamente á Consellaría de Xustiza e á Presidencia do TSXG. E parabenizar as contadas excepcións da Fiscalía Superior de Galicia no periodo de Carlos Varela (2004-2015), do Colexio de Avogados compostelán que preside Evaristo Nogueira ou da Irmandade Xurídica Galega que integran máis de 200 xuíces, maxistrados, fiscais, funcionarios, procuradores e avogados que usan cotiamente da lingua como expresión do seu compromiso coa cidadanía galega e co Estado de Dereito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario