Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 25 de xaneiro de 2017

Un vídeo para a Valedora

A zunia aliméntase de prexuízos, por iso só ten éxito cando consegue xenerar polémica. Un dos seus últimos ataques foi o que atentou contra CPI de Panxón, un centro, como hai moitos, no que se realiza un traballo serio e sen estridencias. Pódese comprobar, por exemplo neste seu blogue da biblioteca, no que se divulgan moitas das iniciativas, traballos e actividades que realizan.
Cartel gañador do certame do CPI de Panxón do 2016
A cousa non iría máis alá se non fose pola metedura de zoca da Valedora do Pobo, quen tomou a anómala resolución de avalar a retirada do cartel que gañara o certame anual que se celebra no centro para celebrar o Día das Letras. Basta poñerse no lugar da rapaza que fixo o cartel, ou no dos seus pais, para determinar a miseria moral á que chega a zunia e, neste caso, a presunta Valedora. Pouco cómpre saber sobre as características sociolingüísticas da poboación galega para apostar, con case a completa seguridade de gañar, que a autora do cartel non fala en galego. Aclaremos a cuestión, cantos dos alumnos do CPI de Panxón o falan? Incluso me atrevo a dar un límite superior para esa cifra: o 15%. Entón, que é o que pretendemos montando (ou alimentando) unha polémica sobre un cartel que se elaborou nun contexto para a promover, moi mínimamente, a reflexión sobre a atroz situación de constriximento na que está o uso do galego nunha área tan desgalelguizada? Milagros Otero, por ocupar o cargo que ocupa, a de Valedora, non pode ser tonta, polo que a única alternativa que explica o seu comportamento é a dun aliñamento militante co radicalismo xenófobo antigalego.
Dubidei moito en publicar esta entrada porque pode ser manipulada para alimentar unha falsa polémica. Se ao final me decidín a facelo é para que a comunidade educativa do CPI de Panxón saiba que o sentimento xeral que xenera na sociedade é de empatía e apoio fronte á agresión extremista que están a sufrir. Por iso creo que convén que saiban que, dalgunha maneira, crearon escola. O alumnado de Lingua e Cultura Galega de Valadares, que parece preferentemente de fóra de Galicia,  montou este alegre vídeo que, se é bo que o visen en Panxón, mellor sería que fose a Valedora quen aprendera del para que comezase a desarmar os prexuízos que evidenciou coa súa actitude.




Ningún comentario:

Publicar un comentario