por Robert Neal Baxter no Terra e Tempo:
Lonxe de ser unha lingua como calquer outra que se pode aprender, o galego sería unha anomalía lingüística que seica hai que mamar desde o berce porque –como teño escoitado– “el gallego de verdá lo hay que mamar”.
Este retrouso que se ouve amiúdo forma parte da mitoloxía que se erixe ao redor da figura da ‘falante nativa’, un ser mítico que tivo a boa sorte de zugar a ambrosía lingüística directamente da teta de súa mai, dando todo o seu significado ao termo ‘lingua materna’. Máis adiante, poderá cuspilo e renegar del, pasando a falar sempre a lingua do imperio que nos coloniza, por obriga directa ou por coerción, pois ninguén abandona a súa lingua por vontade propria na súa terra. Mais, sexa como for, sempre será unha ‘paleofalante’, á diferenza desta subespecie inferior que o tivo que aprender nos libros, a denominada ‘neofalante’.
Antes de máis, convén lembrar que, debido ao proceso de substitución lingüística que deriva da doma e castración do País, non todas as persoas que viven na Galiza tiveron a sorte de nasceren e seren criadas nun ambiente galegofalante. Certamente, ten o seu mérito a falante nativa que mantén a súa lingua nun ambiente lingüisticamente hostil, empapado de español na escola, nos medios... Mais non menos mérito ten aquela persoa que, veña de onde viñer, chega a unha tomada de consciencia lingüística que a empurra a aprender e a utilizar o galego como lingua, adoptando unha práctica monolingüe nun entorno onde apenas se ouve falar galego, sobretodo entre a mocidade.
Pois, encanto que a adquisición espontánea se pode vivir sen cuestionala ou mesmo valorala, podéndose aceitar ou rexeitar como calquer dádiva, a tomada de consciencia que implica para un neofalante pasar a ser galegofalante na práctica diaria estriba nun compromiso que tende a levar habitualmente a un activismo lingüísticos, o que non significa que non haxa tamén moitos e moitas falantes nativas activistas.
Infelizmente, acontece que nos núcleos máis urbanos, xa en 1998, varias investigadoras alertaron que “a situación do galego no ámbito urbano ou semiurbano é case agónica, encanto que no ámbito rural perde posicións cunha rapidez alarmante”. Os datos máis recentes que recolle o Mapa Sociolingüístico de Galicia (2004) non só confirma esta tendencia, mais indica que se exacerba de xeito alarmante.
O quid do problema radica en que hoxe por hoxe, sen renegarmos do rural, cumpre recoñecer que a populación se vai concentrando nas urbes. Apoiándose en La lengua materna en los espacios urbanos gallegos (M.A. Fernández, 1993), as mesmas investigadoras indican que “87 % do crescimento demográfico no século actual corresponde às cabeceiras urbanas. A populación radicada nas sete áreas urbanas galegas representa máis de 40 % do total, encanto que en 1900 representaba só 9,8 %. Portanto, [...] o facto de que nos ámbitos rurais existan aínda altas percentaxes de galegófonos habituais non supón unha grande esperanza a respeito do futuro mantemento da lingua.”
Sen unha recuperación do galego nas cidades, pois, o fado do galego fica claro. E quen alza a bandeira do galego nos centros urbanos son, na maioría, neofalantes.
Por esta razón, calquer mostra de neofalantofobía divide as falantes e non fai máis do que facer o xogo à penetración do español, debilitando a xa de por si precaria presenza do galego, axudando a facelo desaparecer, en vez de reforzalo para se voltar a tornar a lingua nacional da Galiza inteira: de todas e todos. As únicas persoas que merecen ser obxecto de censura e burla son aquel@s profisonais –entendido como quen cobra polo seu traballo, independentemente da súa capacitación ou capacidade...– que viven do galego ou que teñen o deber de o dignificar e promover, ante todo determinad@s persoeiros do CRTVG (que non tod@s) ou determinados cargos políticos, a comezar polo proprio Presidente da Xunta, que non son quen de colocar un pronome onde corresponde ou que se dedican a espallar unha imaxe deturpada dun galego maltratado como algo aceitábel e mesmo loábel: máis xenuíno...
É verdade que unha falante nativa e unha neofalante tenden a non dispor das mesmas destrezas e recursos lingüísticos, mais o galego pode aprenderse como calquer outra lingua, cunha dedicación e empeño a aprenderse ben e procurar mellorar sempre, embora é moi fácil caír nos estereótipos, ao caricaturizar tanto as unhas como as outras. Por un lado, o tópico do paradoxo da ‘falante nativa’ como depositaria dun galego verdadeiro dun tempo dourado, mais que recorre a españolismos como abuelo, calle ou ghuevos como mostras de autenticidade, dun ghallegho auténtico. Polo outro, a neofalante incapaz de pronunciar o ene velar característico do galego, nen de distinguir máis que as cinco vogais do español.
A realidade é máis complexa e rica. Non todas as falantes nativas castrapean e son moitas as que aman, coidan e cultivan a lingua, sen por iso renegaren do ‘seu’ galego de orixe (nen falta que fai!). Mesmo hai reintegracionistas no bastión rural do galego ‘enxebre’... Do mesmo xeito, tamén hai neofalantes competentes que gostan de mellorar e de aprender de quen fala mellor.
O futuro do galego – se futuro ha de haber – pasará ineludibelmente polo encontro das diferentes falantes e as súas diferentes variantes, evitando sempre que se dilúa no mare magnum do español até o ponto de acabar sendo engulido. Talvez (ou mesmo moi probabelmente) o galego do futuro non será unha cousa pura e incorrupta, como nunca o son as linguas à medida que evolúen ao longo do tempo mediante o inevitábel contacto coas outras linguas do entorno, quéirase ou non. Ora, o que si cabe preservar é unha lingua viva e dinámica, fiel a si mesma, non unha peza de museu que se contempla mais non se toca.
Temos moito a aprender as unhas das outras. A unión fai a forza e, e en vez de nos dividirmos segundo a sorte de onde nos tocou nascer, xuntas venceremos. Hai que reivindicar o galego como a inalienábel heranza de todas as galegas, incluídas aquelas a quen foi arrebatado mesmo antes de saíren ao mundo.
Chegou o momento de superarmos a división entre neofalantes e paleofalantes para falarmos de galegoamantes. Porque non sobra ninguén na defensa do País e da súa lingua
Ningún comentario:
Publicar un comentario