Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 16 de outubro de 2017

Merca en Xove. Merca en galego


Nun principio estaba moi ben esta campaña do Concello de Xove do ano 2015, na que se podía participar desde o facebook cos cancelos #EuMercoEnXove #EuMercoEnGalego. Estaba moi ben porque promovía o comercio local visibilizando como valor positivo que o galego sexa a lingua de relación comercial.
Pola contra, a campaña non está tan ben por outras razóns. A primeira, se prememos o play do vídeo o primeiro que vemos é a Demetrio Salgueiro, o alcalde de Xove facendo unha declaración institucional, o que lle pode quitar as ganas a calquera de seguir vendo o que realmente importa, o vídeo da campaña. En segundo lugar, despois do alcalde temos os discurso da axente de desenvolvemento local. Despois de tanto preámbulo quítasenos as ganas de ver o contido substancioso do vídeo, onde aparecen os veciños dando as súas razóns para mercar en Xove e para facelo en galego. En terceiro lugar, se temos en conta que a campaña está sustentada polo concello, a asociación local de empresarios e a
Secretaría Xeral de Política Lingüística, os escasos premios que outorgaban (un vale de 150 €. un de 100 € e outro de 50 €) desprestixiaban por completo a iniciativa, e de paso, a lingua que se pretendía potenciar. Precisamente nestes días vanse repartir 1.5000 € en premios noutra campaña comercial na que o galego xa non é protagonista. Finalmente vemos que aquela proposta do 2015 foi un foguete pouco vistoso que nin tan siquera fixo pum. A iniciativa acababa xusto onde comenzaba, feita únicamente para maior gloria do rexedor e das institucións que presuntamente facían algo pola lingua cando só o facían por si mesmos.


2 comentarios:

  1. En Xove gobernan sempre os mesmos con maioría absoluta desde os tempos do caudillo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Con todo, poderían facer algunha cousa ben. Esta puido selo, pero a fachenda e o desprezo polo que pretendidamente promocionan, a lingua, non llo permitiu

      Eliminar