Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 8 de outubro de 2017

A Estrada e Silleda: dobre exclusión do galego


Velaquí o cartel que anuncia o Flash Market, un evento que se organiza no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA e no que destacamos que o galego ficou completamente excluído.
O padroado da Fundación asociada a esta Feira cae baixo as directrices da Vicepresidencia da Xunta, Alfonso Rueda é o presidente do mesmo. Que todos os galegos aportemos os nosos impostos para o mantemento destas instalacións parece que non serve de nada pola indolencia dos representantes políticos que, no canto de ser garantes da dignificación da nosa lingua, adícanse precisamente ao contrario.
Non é este o primeiro caso de desprezo ao galego saído da Feira de Silleda. O pasado mes de xuño, por exemplo, celebrouse a Equina, onde a única palabra que podiamos ler en galego, tanto no cartel como no programa, era "Feira"
No seu día ProLingua xa denunciara que sucedía o mesmo con outro evento que se programa nas instalacións da Feira Internacional, o Xuventude Galicia Net. Parece como se toda a programación que vai caer nestas instalacións estivese abocada a botar fóra a lingua galega. Este feito multiplica a súa gravidade por estaren institucións públicas directamente relacionadas coa promoción dos eventos que acabamos de referir. Xa dixemos que por medio de Vicepresidencia a Xunta é un organismo sempre presente, pero tamén aparecen implicados como entidades que apoian algunhas destas celebracións tanto o concello de Silleda como a Deputación de Pontevedra.




A Estrada baixa no seu compromiso co galego

Esta fin de semana celébrase a XII Subida Á Estrada, unha competición automobilística que conta coa subvención do Concello da Estrada e a  Secretaría Xeral para o Deporte. Nin unha nin a outra mostraron a sensibilidade necesaria para esixir que a divulgación da carreira se fixera en galego. Desleixo? desprezo? inidiferenza? desidia? irreverencia? Quizais todo xunto. En resumo, falta de amor pola lingua de noso.
E así anda todo

Ningún comentario:

Publicar un comentario