Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 20 de outubro de 2017

A memoria da lingua na paisaxe

por Xosé Rodríguez en La Región

A paisaxe galega atesoura unha rica memoria cultural e lingüística que definíu ao pobo que a habita. Cada anaco da súa terra: montañas e serras, fragas, soutos, carballeiras, ríos e rías, lameiros e veigas son escenarios con cadaseu nome, e todos eles evocadores do imaxinario popular. De aí que os seus habitantes mantivesen unha forte unión entre a lingua e a paisaxe; entre a cultura e os espazos xeográficos aos lles foi poñendo nomes para identificalos, alusivos ás súas peculiaridades ou propiedades naturais.
Dez millóns de topónimos acreditan a relación dun pobo que sentíu sempre como propios os eidos nativos nos que naceu e se críou, coñecendo con prodixiosa memoria eses espazos territoriais, porque a paisaxe está chea de vida. Froito desa relación é a saudade que tanto caracteriza a nosa sicoloxía. Rosalía de Castro expresou poeticamente esa ruptura dramática entre o home e a terra (“Adiós ríos, adiós fontes,/ adiós regatos pequenos,/ adiós vista dos meus ollos,/ non sei cando nos veremos./ Prados, ríos, arboredas/ pinares que move o vento,/ paxariños piadores,/ casiña do meu contento”). Ese fondo sentemento que derivou no panteísmo de cultura á terra sempre foi superior ao doutras terras próximas a nós.
Os nomes da fauna e flora, dos oficios, recoñecidos nos apelidos, as denominacións das construcións populares (cabaceiro, palleira, cruceiro, muiño…), foron arrequecendo o patrimonio lingüístico que tiñan nos adros parroquiais ágoras abertas para o coñecemento e sociabilización da cultura popular para debates democráticos sobre a xestións dos bens comunais.

Mais esa harmonia entre a paisaxe e a cultural desdebuxouse excepcionalmente nos compartimentos estancos dedicados aos cemiterios. Neles están depositadas as memorias dos seus moradores, daqueles que aprenderon a falar un idioma común que tiveron como propio toda a vida deica a súa morte, e que polas malas fadas dos avatares históricos os que sempre foron galegofalantes, agora son lembrados polas súas lápidas escritas nun idioma que nunca falaron.Hai, pois, unha clara desharmonía entre as dúas parroquias que conviven nun mesmo territorio, a dos vivos e a dos mortos. Non se entende que para comunicar os afectos do espírito non se empregue a lingua do berce, “porque extendendo o idioma exténdese a Patria” como dixera o activista galeguista Arturo Noguerol, cuxos restos aínda están sen identificar nunha foxa común desde agosto de 1936.
A Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística de Galicia no intento de reparar ese perturbador comportamento das nosas xentes levadas por vellas inercias históricas, instituíu hai ben anos o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia cadrando a súa celebración cos días anteriores ao de Defuntos de tanta tradición na nosa cultura popular.
En galego,agora e sempre, ese é o lema de tales celebracións. O que principiou sendo unha iniciativa cos receos dalgúns sectores do galeguismo político e cultural, hoxe acadou predicamento coa colaboración de moitos concellos que programan actos para sensibilizar á veciñanza na importancia de utilizar o noso idioma nas exequias fúnebres.
A partir do próximo día 15 do mes que andamos están previstos moitísimos actos que inclúen a colocación dunha placa na porta dos camposantos co seguinte texto: “Na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”; ao tempo que, nalgúns casos, se procederá a substituir lápidas en castelán por outras en galego coa autorización expresa dos familiares dos defuntos.
A mellor maneira de honrar a memoria dos nosos devanceiros é restituirllela cultura e lingua na que se expresaron en vida. Apelamos aos concellos que aínda non secundaron esta celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística, ao movemento asociativo e a cantos profesan a cotío unha militancia cívica de galeguidade para que se animen a reparar un anacronismo que non debe durar máis tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario