por Henrique Harguindey Banet, en Nós Diario:
Era a fin da década de mil novecentos cincuenta. En Lugo. Os meus trece anos. Cos meus amigos andaba eu moito, no tempo das vacacións, polas costas do Parque: xogabamos á pelota e a mil cousas, subiamos aos castiñeiros de Indias, buscabamos barriñas de cuarzo transparente poliédrico... E iamos tamén polas terras das beiras, á dereita polos agros de patacas que chegaban case ao pé da Muralla, á esquerda polas encostas de campías e árbores das baixadas á Tolda.
Algunha vez temos atopado nas nosas aventuras unha parella maior a pasear. Non era raro, meus pais tamén gustaban de camiñar fóra do centro. Naquel caso recoñecín as persoas. A miña profesora de Historia no Instituto Masculino e mais o seu marido, Carballo Calero. Dela conservo unha gran lembranza. De don Ricardo sabía eu pouco. Algúns coñecidos meus que estudaban no Colexio Fingoi faláranme del con moita lei: "Don Ricardo es más bueniño! Nos habla siempre en gallego. Y nos enseña canciones muy graciosas". E cantaban:Sete cuncasde papas de millounha vella comeu;rebentoulle o cordón do xustillode tanto que encheu;tiña fame,comeu outras tantase máis recuncou,fixo como un fogueteno aire "Chispún!"e estoupou.Non só lles aprendían cancións no Fingoi dos irmáns Fernández que dirixía Carballo, o seu ensino era de calidade e ben pegadiño á Natureza e aos animais domésticos e de granxa co que alumnado tiña estreito contacto. Alí estaba don Ricardo, con ese pasado descoñecido para nós, continuando como mellor podía aquela traxectoria da loita galeguista e republicana que pagou coa prisión e a represión. Alá estaba, coa súa arela e a súa forza de sempre. Don Ricardo. Sementando cancións. Sementando patria nos corazóns.
Ningún comentario:
Publicar un comentario