Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 29 de setembro de 2021

Digo Moraima

 


Cláudia Morán no Nós Diario:

Hai menos dunha semana que Moraima pasou a ser moito máis que un nome propio e un poema de amor. “Porque eu falo en galego, sabes, Siri?”, dille a pequena de envexable sotaque ao robot máis internacional. E dillo porque a máquina, tan limitada para ser global, responde que non a entende. Esa Moraima de pelo loiro, tan adorable como viral, é a viva representación de tantas rapazas galegas que abrazan con forza a lingua, como ao osiño de peluche que simboliza o amor e o fogar, ignorando a ameaza latente de que alguén llo arrebate. Tan real, que e a nai e o pai da nena, a piques de ser escolarizada, xa o temen.

 

Digo Moraima / cando semento a espranza, escribiu Celso Emilio Ferreiro en 1972. Tiña oito anos cando lin o poema por primeira vez. Reciteino no programa de Televigo …Y cinco minutos para la poesía, unha aposta persoal de Maximino Sanmartín –para min, sempre Mino–, ao que hai polo menos vinte anos que non vexo, pero ao que nunca deixei de ter presente. Daquela, con tres cursos de CEIP urbanita ao lombo, eu xa non falaba galego coa meirande parte do meu contorno, mais escribía poesía, e el lía con atención.

 

Por algún motivo, nos máis de catro anos que levo en Vigo non tratei de localizar a Mino. Un deles, a vertixe de confesarlle que un día deixei de escribir, de ler e ata de falar na miña lingua propia. Agora penso que chegou a hora de buscalo. Quero falarlle da Moraima de pelo loiro, da cativa que recitaba no seu programa e da miña esperanza de inspiración celsoemiliana: digo Moraima, e a máquina responde no galego das nenas sen complexos.

2 comentarios:

  1. Tamén lle preguntamos a Alexa e di que de momento non o sabe.
    O meu fillo maior entrou en infantil falando galego e duroulle dous anos.Perdeuno no cole e despois na casa. Espero que co tempo o recupere.
    A filla pequena empezou as primeiras palabras en galego pero xa falou frases completas en español porque o irmán xa falaba español e non tivo a profe que tivo o maior.
    Só espero que co tempo volvan ao rego. Tal como está o asunto lingüístico é o máis optimista que podo aspirar.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Chega un momento en que na casa volven ao rego. Que, xa de maiores, na ESO e no Bacharelato, manteñan a lingua na escola ou cos amigos é máis dificil.

      Eliminar