por Xosé González Martínez no
Faro de Vigo:
Todos o anos, o día 17 de agosto celébrase o Día da Galicia Mártir dedicado á lembranza da memoria de Alexandre Bóveda. O acto realizase ao pé da rotonda que hai nun extremo da ponte da Barca, xa en territorio do Concello de Poio, no camiño de subida á Caeira. Hai ben anos que se erixíu alí un monumento que dá conta do lugar onde foi vilmente asasinado.
Pero tamén hai xente que acode ao cemiterio pontevedrés de San Amaro para facer ofrendas florais no mausoleo que conserva os restos do eximio militante do Partido Galeguista. Co panteón como un altar, fanse louvas e celébranse exequias fúnebres coas olladas absortas dos asistentes nunha pequena edificación carente de valor arquitectónico no que unha porta de aluminio anodizado como as moitas que se poñen en calquera porta de entrada dunha casa con mal gusto protexe o nicho. E ninguén fixo a menor crítica nin reparo a ese aldraxe á memoria de quen militou nun partido que quixo que o noso patrimonio arquitectónico fose respectado fronte ás agresións de mal gusto xa imperantes no seu tempo, empeñadas en destruír o noso pasado arquitectónico. Compartía Bóveda co arquitecto Gómez Román a idea de crear mil compostelas máis en Galicia para dignificar a nosa paisaxe e hábitat.
É un escarnio para as conciencias dos militantes e afervoados nacionalistas de hoxe ese habitáculo funerario no que se intalou unha porta vulgar para resgardar o nicho de Bóveda de calquera desmán. Mais ignoran os donos do nicho, e o Concello de Pontevedra, que non hai peor maltrato da memoria histórica que esa construción que acubilla os restos de quen avogou pola soberanía estética de Galicia, e admirou o xenio creador dos nosos canteiros que souberon construír pazos e casas labregas coas súas construcións adxectivas respectando a tipoloxía do País.
Semella esperpéntico que despois de tantos anos ninguén -a familia, a Fundación que leva o seu nome e o Concello de Pontevedra- reparase na necesidade de buscarlle no camposanto de San Amaro un lugar e unha tumba decorosa consonte coa importancia histórica do falecido, que dignifique a súa memoria e sexa exemplo para cantos veneran a súa memoria.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística xa está a preparar o Día da Restauración da Memoria Lingüística, que se celebrará o próximo día 25 de outubro. Coa institucionalización desta data búscase chamar a atención da importancia que ten restituír a verdade lingüística dos falecidos que se expresaron neste mundo en galego.Só unha de cada mil lápidas está en galego; e únicamente o dous por cento das esquelas publicadas nos xornais se redactan no noso idioma.
Consideramos que a Fundación Alexandre Bóveda e o Concello de Pontevedra deberían sumarse a esta iniciativa; e na mellor que buscando no cemiterio de San Amaro outro emprazamento máis artístico para os restos de o egrexio galeguista acorde coa súa relevancia, e volvéndonos a convocar ese día 25 de outubro para celebrarmos a súa inauguración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario