Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 15 de agosto de 2014

O libro en galego (deixemos de autoenganarnos)

por Francisco Castro no Sermos Galiza:

Xa me coñecedes. E sabedes que en absoluto son un profeta da tristura nin un profesional da queixa. Mais ben todo o contrario e, aínda que moitas veces teña motivos máis que dabondo para o pesimismo, a actitude que adoito asumir é a dun convencido optimismo. A derrota nunca é unha opción. Creo na loita e na nosa capacidade, como grupo social, como cultura, para seguir navegando. Outros, en tempos moitísimo máis difíciles, sacaron adiante este país. Nós témolo máis doado. É difícil. Pero máis o foi para eles.

Pretendo falar do libro galego. Da industria editorial de nós. Necesaria para que sexamos país. Para existir. Necesaria, aínda que non mova tantos cartos coma o automóbil ou a pesca. Pero igual de fundamental se queremos seguir mantendo a afirmación de que Galicia existe.
Os países defínense por unha serie de marcos referenciais que os significan como entidades existentes.A lingua. A cultura. A economía. O seu sistema educativo. O deporte. A política. .. e os libros tamén. E máis cousas claro. Pero tamén os libros e as editoriais e as bibliotecas e os premios e a crítica literaria e os autores e autoras... se todo iso algún día falta dende logo que non imos desaparecer do mapa. Pero si que seremos menos. Volverémonos máis febles. Máis achegados ás especies en vías de extinción.

O libro en galego esmorece. Ou mellor sería dicir que se precipita cunha velocidade de caída preocupante. Ou cando menos, a moitos de nós preocúpanos esa situación. E quítanos o sono a situación e tamén sentir que a quen máis lle tería que preocupar, aos encargados de dirixir as políticas culturais, a eses non llo quita.
Mais quero, neste artigo, ser honesto aínda que algunhas das cousas que escriba sexan politicamente incorrectas. Por iso toca dicir, en primeiro lugar e antes que todo, que o peor é que a quen máis lle tiña que preocupar a crítica situación xa non do libro galego senón de todo o que teña que ver co galego, é dicir, aos cidadáns e cidadás de Galicia, a case que todos eses, este asunto non lle preocupa en absoluto. Digámolo sen medo (deixemos de autoenganarnos): á meirande parte da poboación galega, que pechen as editoriais, que non se reseñe un só libro máis na nosa lingua, que os libros en galego se releguen ao submundo máis afastado das librerías, que se volva máis invisible aínda do que xa é, que as escritoras e escritores non teñan onde publicar... todo ese tipo de cousas lles dán absolutamente igual. Insisto: deixemos de autoenganarnos. O bonito é escribir outra cousa. Pero a realidade é esa.

O certo é que non temos un país detrás. Ou témolo pero moi feble. E por iso, pensar na profesonalización dos que en galego escribimos resulta unha completa quimera. Un pode vivir do mercado se hai un mercado. E o do libro en galego é un mercado con poucos lectores e lectoras. Véndese pouquísimo. Tan pouquísimo como se le. O que a administración gasta para nutrir as bibliotecas é de risa. As tiradas son tan cativas porque dan e chegan e son máis que suficientes. Dependemos absolutamente da prescrición educativa e a venda en librerías é case que anecdótica. As cousas son así. A non ser, insisto, que xoguemos ao autoengano e a finxir que vivimos nun país normal.
É durísimo escribir todo isto. Pero máis duro é ver día si e día tamén como se nos levantan diante dos narices muros de incomprensión e problemas sen fin. En troques de facilitarnos o traballo (a administración debería afrontar dunha vez a cuestión e preocuparse menos de figurar) póñensenos seguido pedras no camiño. E se xa o temos difícil, o labor fáisenos case que imposible.

Que quede claro. Non queremos subvencións. Non queremos esmola. Non queremos, tampouco, palabras baleiras e declaracións de intencións. Queremos que se nos axude a facer o realmente importante: crear lectores e lectoras. E se pode ser lectores e lectoras en galego moito mellor. Aí é onde a sociedade se xoga, tamén, moitísimo. Porque unha sociedade non lectora é unha sociedade perdida. Por iso resulta fundamental, tamén, que consigamos, entre todos (tamén dende as administracións públicas) que se nos coñeza. Que se saiba que aquí producimos literatura de alta calidade. Tan boa coma calquera outra.
Velaí o reto. Conseguir que nos lean. Que o facemos ben xa o sabemos. Agora queremos que todos o saiban. E que sintan ganas de nos ler.
A situación é crítica, si. E dixen que son optimista. Por iso hoxe, coma onte e coma mañá, vou tentar facer (en galego) os mellores e máis bonitos libros do mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario