por Francisco Borxa González Tenreiro no Sermos Galiza:
Alguén díxolle que eu era tradutor de inglés, algo que adoita crear certo aire de respecto e importancia entre as señoras de certa idade, mais polo de inglés que polo de tradutor. Esta señora de Ferrol tiña unha filla á que, presuntamente, se lle resistía o idioma de Shakespeare; vaia, que non o falaba como unha nativa e iso, á pobre señora, non lle parecía ben.
Foi nesa tesitura que dona Mercedes, por lle poñer un nome, me foi preguntar, nun pulidísimo castellano do país, por algún consello, truco, técnica ou cura de santo para que a boa de Mercediñas puidese mellorar o seu inglés. A bo paxaro lle foi preguntar...
Foron só tres palabras, porén suficientes para tirar pola borda, en medio segundo, toda a auctoritas que nun principio me puidese ter concedido esta señoriña: “Fálelle en galego”. Vaia cara que se lle quedou e que rápido se arredou de min.
A verdade é que pouco importa que unha pobre señora sen maior maldade que a ignorancia que inocula o fenómeno da españolización pase de pensar que son un respectábel lingüista dunha lingua estranxeira a un radical excéntrico que seguramente nin se gañe a vida como tradutor. Creo que calquera persoa con dous dedos de testa seguirá pensando que teño máis bagaxe profesional que dona Mercedes para dicir un par de cousas sobre o idioma inglés. E eu afirmo, con contundencia, que o galego é a ferramenta máis útil coa que contamos os galegos para aprender un terceiro idioma. E encima de balde, polo simple feito de nacer aquí.
Unha nena que coñeza a palabra “áncora” aprenderá nun momento a palabra “anchor”; se sabe escribir “data” non terá ningún problema en memorizar “date”; se gusta da palabra “outono” non lle parecerá estraño o termo “autumn”; e se está acostumada a dicir “xabón”, “xogar”, “cóxegas” ou “caxato” non pasará por española ao pronunciar “sharp”, “shovel”, “cashier” ou “shatter” cando viaxe a Londres con Ryanair. Polo contrario, canto máis defectuoso sexa o coñecemento do idioma propio máis difícil se presentará a aprendizaxe do idioma alleo.
Afirmo tamén, coa mesma contundencia, que calquera presidente da Xunta que non fose imbécil ou excesivamente españolizado xa tería feito algo para que as nenas galegas fosen trilingües en galego, portugués e español á idade de 8 anos. A ver se daquela Mercediñas, cos seus 16, seguiría tendo problemas co inglés...
Ningún comentario:
Publicar un comentario